top of page

As Fervenzas de Brañas: un espazo natural único que se atopan no municipio de Toques

Laura Moure/Toques

En cada recuncho de Galicia hai fermosas paisaxes. Se damos un percorrido polo municipio de Toques (A Coruña) unha das paraxes que non podemos deixar de visitar son as Fervenzas de Brañas porque, sen dúbida, son un espazo natural único.


Están situadas na parroquia de Santa María de Brañas. O municipio de Toques presenta unha importante parte da súa superficie incluída na coñecida como Rede Natura 2000, que é un conxunto de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea, creada co fin de salvagardar os enclaves naturais máis importantes de Europa.


Neste caso os valores que se pretende preservar neste municipio decláranse dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón, a cal inclúe o pequeno cordal montañoso do mesmo nome e as subconcas dos ríos Furelos e Seco, estendéndose ata o río Ulla polo sur.


A Serra do Careón atópase incluída dentro da Dorsal Galega, contando cun perfil escalado de forma amesetada, con relevos suaves, sendo o monte Careón o punto máis elevado con 798 metros.


O principal curso fluvial é o río Furelos, afluente do Ulla, que nace na confluencia de varios cursos de auga procedentes dos montes do Bocelo e Careón. Desde este río esténdese unha ampla chaira formada fai 20 millóns de anos e que debido á dureza do seu substrato pétreo consevouse ata hoxe sen verse afectada.


De feito, unha das singularidades máis importantes desta zona é o substrato litóxico, que constitúe ao afloramento de rochas ultrabásicas máis extenso do noroeste ibérico. Tal é a súa importancia que parte desta área foi incluída polo "Instituto Geológico y Minero de España" no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico e conforma ó PIG C-17 ("Pregamentos tumbados no complexo ultrabásico de Melide").


A vexetación arbórea componse en gran parte por plantacións forestais de piñeiros que foron substituíndo ás fragas de carballos, acivros e sanguiños que aínda podemos atopar de forma significativa en diversas manchas ao longo de todo o espazo. Atopamos tamén a sobreira, o Sur do ZEC, onde o clima é algo máis cálido e o amieiro asociado a bosques de galería na beira dos ríos.


Ademais das Fervenzas de Brañas, tamén se pode visitar neste municipio o Castro da Graña, o Dolmen de Forno de Mouros e a Capela de San Antolín.


As Fervenzas de Brañas.

Autor: Ecos da Comarca

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page