top of page

As axudas concedidas a concellos da Rede Ágora, entre eles 5 dezás, sufragarán o 90% da redacción de proxectos

A Deputación de Pontevedra subvenciona con 1,4 millóns a redacción de 94 proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas de 40 concellos da provincia


Laura Moure/Deza

A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar a concesión de subvencións para que 40 concellos pertencentes á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público poidan redactar 94 proxectos de recuperación de espazos públicos e de sendas peonís e/ou ciclables. As axudas permiten sufragar o 90 % do custe da redacción, ata un máximo de 50.000 euros por concello. En total, o Goberno provincial destina 1,4 millóns de euros a esta convocatoria, tras ampliar en 600.000 o orzamento inicial de 900.000 euros.

As axudas servirán para a redacción de proxectos de mellora peonil, de acondicionamento de diferentes rúas en contornas rurais e urbanas, a creación de sendas, a recuperación e humanización de vías, ou a mellora estética e funcional de enclaves turísticos, entre outros.


Publicidade

Entrando ao detalle, estes proxectos de mellora das contornas urbanas desenvolveranse en Sanxenxo, que recibe case 50.000 euros para cinco proxectos; Agolada, O Porriño, Tomiño, Gondomar e O Rosal, que desenvolverán catro proxectos cada un con case 50.000 euros; Baiona e Redondela financiarán catro proxectos con 45.000 euros cada un; A Guarda contará con 40.000 para outros catro proxectos, Ponte Caldelas recibirá 25.000 para redactar catro proxectos, e, no caso de Moraña, tamén son catro os proxectos que financiará con 15.000 euros. Ademais, Caldas de Reis, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Tui, pola súa banda, terán cada un 50.000 euros para os seus respectivos tres proxectos, e A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade e Salvaterra de Miño financiarán tamén tres proxectos, no seu caso con 45.000 euros cada un.


Publicidade

Por outra banda, Ponteareas poderá financiar dous proxectos cunha subvención de 50.000 euros; Catoira recibirá case 40.000 euros para outros dos proxectos; Marín e Salceda de Caselas contarán con 30.000 euros para redactar dous proxectos, e Moaña redactará dous proxectos con 25.000 euros.


Por último, os concellos da Lama, Arbo, As Neves, Bueu, Cambados, Lalín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces e Vilaboa poderán redactar un proxecto cada un grazas a subvencións que van dos preto de 4.000 aos 50.000 euros.


Publicidade

O presidente da Deputación, Luis López, lembrou que no novo programa provincial +Provincia “incorporamos unha cuarta liña de proxectos de transformación, precisamente para apoiar a aqueles concellos na redacción dos seus proxectos aliñados coa Axenda Urbana da UE”.




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page