Arzúa adiántase esta fin de semana ao Black Friday coa II Feira Neghra
Participan 17 comercios e repartiranse premios por un valor superior aos 1.000 euros entre as persoas participantes
Laura Moure/Arzúa
Arzúa prepárase para unha fin de semana de oportunidades comerciais coa celebración da II Feira Negrha, unha iniciativa impulsada por AECA –Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa, a través do Centro Comercial Aberto (CCA), que reunirá 17 establecementos comerciais con descontos e promocións especiais e máis de 1.000
euros en premios na Ruleta de AECA.
Baixo o lema "Adiántate ao Black, Merca con desconto e gaña na ruletade AECA" , a campaña desenvolverase hoxe, sábado 21 de novembro, durante toda a xornada, en
horario comercial habitual, e continuará o domingo 22 pola mañá. A iniciativa busca aproveitar o ambiente comercial previo ao Black Friday, que se celebrará a fin de semana seguinte, para incentivar as compras anticipadas e dar protagonismo á oferta comercial de Arzúa.

Os 17 comercios participantes ofrecerán promocións e descontos especiais durante a campaña, nunha proposta que abrangue diferentes actividades comerciais e que permitirá á clientela atopar oportunidades de compra en numerosos establecementos da vila.
Máis de 1.000 euros en premios
Un dos grandes atractivos da Feira Neghra será a Ruleta de AECA, que repartirá premios por un valor superior aos 1.000 euros entre as persoas participantes. Agasallos, produtos, experiencias gastronómicas ou para o coidado persoal, vales de compra e outros premios conforman unha oferta promocional coa que AECA quere agradecer a confianza da clientela no comercio local e premiar as súas compras.
PUBLICIDADE
Participar será moi sinxelo: as persoas que realicen unha compra superior a 15 euros en calquera dos 17 establecementos adheridos poderán presentar o seu tícket no posto promocional de AECA e probar sorte na ruleta para conseguir un premio directo, que será entregado no momento.
O espazo promocional estará instalado a pé de rúa, no número 40 da Avenida de Lugo, ao carón da Froitería José da Andaluza, onde se desenvolverá esta actividade lúdica durante a campaña.
Os premios serán posibles grazas á colaboración dos negocios asociados e dos propios
establecementos participantes, que contribúen coa achega de produtos, servizos, vales de compra e outras propostas. Unha colaboración que pon de manifesto a implicación do tecido empresarial local nunha iniciativa colectiva de promoción e dinamización comercial.
Feira quincenal
A programación da Feira Neghra complétase cunha coincidencia estratéxica: o domingo 22 de novembro celebrarase tamén a tradicional feira quincenal de Arzúa, unha cita de referencia para a actividade comercial e a afluencia de visitantes da comarca. Esta confluencia permitirá sumar atractivos nunha mesma fin de semana e nunha mesma localidade, conectando a feira tradicional coa oferta dos establecementos comerciais do Centro Comercial Aberto. A proposta pretende favorecer o tránsito de persoas polas rúas comerciais, atraer novos consumidores e ofrecerlles aos visitantes unha oportunidade para completar a súa xornada de feira con compras e promocións no comercio local.
PUBLICIDADE
Con esta segunda edición, AECA dá continuidade a unha iniciativa promocional que busca reforzar a competitividade do comercio de proximidade, incentivar o consumo nos establecementos asociados e ofrecer á cidadanía novas razóns para mercar en Arzúa.
A asociación destaca tamén o valor destas campañas colectivas para dar visibilidade aos negocios participantes, fortalecer a colaboración entre empresas e achegar o comercio local á cidadanía mediante propostas atractivas, participativas e con beneficios directos para as persoas consumidoras.
A relación de comercios adheridos, as súas promocións e as bases de participación na ruleta poderán consultarse a través da páxina web www.aecomarcadearzua.com e das canles dixitais de AECA. "Este 21 e 22 de novembro, Arzúa ten unha cita coas oportunidades, os descontos e os premios. Adiántate ao Black, merca con desconto e gaña na Ruleta de AECA!", sinala. Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia coa colaboración de Comercio Galego.









Comentarios