Arzúa Turismo aproveita as festas do Carme para lanzar un vídeo promocional do municipio
Panorama, o Combo Dominicano, Finisterre e Cinema, as orquestras que amenizarán os festexos ao longo desta fin de semana
Laura Moure/Arzúa
Arzúa Turismo aproveita a celebración das festas do Carme para presentarlles aos habitantes do concello, así como a turistas e peregrinos, un vídeo promocional sobre os espazos naturais, patrimonio, gastronomía, cultura e tradicións de Arzúa.

A través desta acción dáse a coñecer unha nova estratexia enfocada a promocionar Arzúa como destino turístico e atraer así a dous tipos de turistas: peregrinos que pasan polo concello durante o seu camiño a Santiago e un público máis enfocado na natureza e no sabor do tradicional.
A presentación do vídeo levouse a cabo este venres nun dos laterais da Igrexa de Santiago, en pleno centro de Arzúa, xusto por onde pasa o Camiño. O vídeo mostra as fortalezas de Arzúa como destino turístico en canto a espazos naturais, patrimonio, cultura e gastronomía, e continuará proxectándose en diferentes localizacións do concello durante este verán.
En palabras de Begoña Balado, concelleira de Turismo: “Arzúa está preparada para recibir os turistas e farao co agarimo e a hospitalidade de sempre. Mediante este vídeo queremos animarlos a que nos visiten e descubran todo o que pode ofrecer Arzúa, unha oferta turística ampla e diversa, que colmará calquera expectativa”.
Esta nova peza audiovisual estará dispoñible en galego e con subtítulos en castelán, e difundirase a través dos perfís de redes sociais de Arzúa Turismo (Facebook e Instagram), así como na súa páxina web www.turismoarzúa.gal
Festexos
A programación dos festexos é a seguinte:
