top of page

Arzúa presenta o seu potencial gastronómico na Feira Xantar en Ourense

Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa presentará este sábado, 6 de novembro, o mellor do potencial gastronómico da vila no Salón Internacional do Turismo Gastronómico, Xantar 2021, que terá lugar ata o domingo en Ourense. No marco desta cita feiral, que xa é referencia obrigada para a promoción turística a nivel nacional e internacional, Arzúa terá presenza a través da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, que agrupa 11 vilas polas que cruza a ruta xacobea. O queixo e o mel arzuáns son un dos principais protagonistas en Xantar.

Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, este tipo de eventos “son fundamentais para lograr dotar de maior valor engadido os recursos turísticos dos que dispoñemos e, deste xeito, prolongar o máis posible as tempadas e a afluencia de visitantes á vila”. O Concello de Arzúa está a diversificar o máis posible a oferta de ocio para chegar cada vez a un público máis amplo. Actuacións como a participación en feiras de turismo e gastronomía, as rutas de sendeirismo, a valorización arqueolóxica de Castro Curbín ou a celebración de eventos musicais de primeira orde como o concerto das Tanxugueiras, son claras mostras das liñas de traballo nas que se está a profundar.


En paralelo, a Concellería de Turismo continúa a dotar de ferramentas dixitais os establecementos para facilitar o coñecemento dos amplos recursos dos que dispón a capital do queixo de Galicia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page