Nesta cuarta edición, Melide, Arzúa, Mos, Salvaterra de Miño, Silleda e Nigrán e a Mancomunidade da Limia foron premiados, en total, con 9.000 €, que deberán destinar a unha causa social da súa elección
Laura Moure/Xeral
A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, acompañada por responsables de Ecoembes, felicitou hoxe aos concellos que lograron o obxectivo de incrementar a reciclaxe de plásticos, latas e briks nos seus respectivos municipios con respecto a 2022, no marco da campaña Únete ao reto. Na cuarta edición desta iniciativa, impulsada por Ecoembes co apoio da Xunta, recompensouse o esforzo realizado polas sete entidades locais —Melide, Arzúa, Mos, Salvaterra de Miño, Silleda, Nigrán e a Mancomunidade da Limia— que participaron na iniciativa entre os meses de abril e xuño co obxectivo de mellorar as cifras de recollida selectiva destes residuos. En total, repartíronse 9.000 euros en premios, e os concellos deberán destinar a contía que lle corresponde a unha causa social da súa elección.
Concretamente, as sete entidades recoñecidas incrementaron as súas cifras de recollida nun 13,2% de media con respecto ao mesmo período do ano anterior, isto é, entre o 3 de abril e o 30 de xuño. Silleda foi o concello que mellores números acadou, razón pola que se elixiu o mosteiro de Carboeiro, situado neste municipio, como lugar para realizar a entrega de premios. No seu caso, a porcentaxe foi de case un 27%.
Publicidade
Accións de sensibilización Durante o acto, Sagrario Pérez eloxiou o compromiso das entidades locais e dos cidadáns coa reciclaxe, destacando o esforzo realizado para aumentar as súas aportacións de latas, briks e envases de plástico, como mínimo, nun 10% con respecto ao mesmo espazo de tempo o ano anterior.
Así, no período da campaña, cada concello participante contou cun amplo programa de accións a pé de rúa, comunicacións en medios, publicidade exterior e en redes sociais co obxectivo de concienciar á veciñanza.
Nesta liña, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático puxo en valor a participación de entidades locais en iniciativas como esta para mellorar a reciclaxe de envases a través do seu depósito no contedor amarelo e, tamén, para concienciar á cidadanía da importancia de continuar a separar correctamente os residuos domésticos.
Comments