top of page

Arzúa celebra esta tarde un pleno para aprobar os orzamentos de 2021 de sete millóns de euros

A sesión plenaria, que será telemática, arrancará a partir das oito da tarde deste venres


A praza de Arzúa.

Autor: Concello de Arzúa.


Laura Moure/Arzúa

O goberno municipal do Concello de Arzúa, que conforman Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE, veñen de presentar a proposta de orzamentos municipais para a anualidade 2021, que se levarán á sesión plenaria que se celebrará, de xeito telemático, esta tarde a partir das 20:00 horas. O orzamento total para este ano ascende, por primeira vez en Arzúa, a 7 millóns de euros; "resultado dun importante esforzo do actual goberno para primar, na difícil situación económica e sanitaria que estamos atravesando, as áreas de servizos sociais, medio ambiente e turismo", recalca o equipo de goberno.


"Trátase dos primeiros orzamentos participativos do Concello de Arzúa; todos os grupos políticos que forman parte da corporación municipal tiveron a oportunidade de facer as súas aportacións a un proxecto de orzamentos destinado fundamentalmente á reactivación económica local e á protección social de todos os veciños e veciñas de Arzúa", explica.


A maior aposta social na historia do municipio

O exercicio 2021 virá marcado en Arzúa por unha firme aposta polos servizos sociais municipais. Esta área de goberno, asumida nesta lexislatura baixo o amparo directo da alcaldía, tratará de garantir a cobertura á maioría de persoas dependentes do municipio co programa de atención individualizada do servizo de axuda no fogar, é por iso que se plantexou a tramitación dun ambicioso contrato de prestación de dito servizo, no que se contempla a estimación de 35.000 horas de prestación. Segundo sinala o propio alcalde, José Luis García, “trátase dun servizo esencial para a vida destas persoas e as súas familias que son clave para a concilicación familiar e a calidade de vidas dos nosos veciños e veciñas”.


Ofertaranse tamén servizos de atención aos nenos e nenas mediante os diferentes programas de conciliación para os períodos non lectivos e tratarase de poñer en marcha un ambicioso servizo de canguraxe no que está traballando a Oficina de Información á Muller (CIM) nestes intres. Na medida en que se vaia controlando a situación sanitaria retomaranse actuacións de envellecemento activo e programación de actividades deportivas e culturais que tiveran que ser suspendidas polas restriccións.


Darase continuidade ás liñas de axudas para a atención rápida e urxente aos veciños e veciñas para a cobertura de necesidades básicas, bolsas para material escolar, axudas de emerxencia social e outras axudas a fogares con necesidades excepcionais como consecuencia da pandemia.


Promoción turística para a reactivación do comercio local

O proxecto de orzamento que será sometido á consideración do pleno esta mesma tarde, parte da consideración de que a promoción turística é esencial para reactivar a economía local. De aí o incremento de actuacións no programa con respecto a outras anualidades dando continuidade ao traballo da marca Arzúa como destino verde, diferenciador do propio, buscando a transversalidade nas actuacións de investimento, priorizando a atención ao medio ambiente e conservación do patrimonio natural, reactivando rutas de sendeirismo e paraxes naturais privilexiados, tal e como apunta.


O medio ambiente, un compromiso ineludible

O compromiso do actual goberno co coidado do medio ambiente verase reforzado coa realización dunha serie de actuacións previstas no proxecto de orzamentos. Despois da adhesión hai uns meses do Concello de Arzúa á iniciativa europea do pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, tense solicitada unha axuda, xunto co Concello de Boimorto, para a contratación de persoal técnico de medio ambiente. A súa labor concretarase na realización de estudos de optimización do servizo de recollida e xestión do lixo, así como do alumeado público e subministro de auga, información e control de vertidos ilegais e recuperación de zonas contaminadas, entre outros. A súa labor fundamental será a concienciación social da importancia da protección ambiental no eido local.


Nesta área, explica o alcalde, desenvolverase un importante proxecto piloto de compostaxe en dúas parroquias do municipio. Aos veciños e veciñas interesadas na súa participación faráselles entrega dun composteiro e ofreceráselles unha guía didáctica e un programa de formación.


Outros capítulos importantes

É importante o respaldo dos grupos políticos municipais ao proxecto de orzamentos que se someterá á súa consideración esta tarde e que permitirá desenvolver moitos outros proxectos e actuacións para que Arzúa avance.


No proxecto de orzamentos recóllense o mantemento das axudas e subvencións ás entidades locais sen ánimo de lucro; a continuidade das axudas dos bonos comercio para dar cobertura ás campañas de venda todo o ano para axudar a reactivar o consumo local no noso comercio. Resulta de especial interese tamén o capítulo de investimentos no que se inclúe, entre outros, a adquisición dun vehículo para a policía local ou o acondicionamento íntegro da Rúa do Carme, en pleno casco histórico.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page