top of page

Arzúa bota a andar unha nova edición do programa 'Primavera de Cultura'

O Concello organiza para os meses de abril e maio actividades arredor do Día do Libro e das Letras Galegas


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha programación de actividades para os meses de abril e maio baixo o título Primavera de Cultura. Trátase dun programa de actividades gratuítas e para todos os públicos que conta con propostas arredor do Día do Libro e das Letras Galegas.


A primeira actividade terá lugar o mércores 6 de abril coa inauguración da exposición do cincuentenario da Casa-Museo da Matanza que chega grazas a unha colaboración coa área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. O acto inaugural contará coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e de Pepe Barro, deseñador que ademais fará unha visita guiada ás 12:00 do mediodía. A mostra, ideada para instalar ao aire libre, permanecerá ata o 19 de abril no Campo da Feira.


O venres 8 poñerase en marcha un novo proxecto de fomento da lectura promovido polo Departamento de Cultura, a Biblioteca Municipal e o IES de Arzúa baixo o título Arzúa, cruzamento de Camiños, cruzamento de libros. Instalaranse tres puntos de acceso á lectura no Parque infantil de Arzúa, Parque infantil de Sta. María e Prazoleta da Rúa das Dores. Son tres librarías de madeira nas que haberá a disposición de calquera persoa interesada libros para coller de balde, ler e volver a depositar en calquera dos puntos indicados. Esta práctica coñecida como bookcrossing consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.

Actividade 'A vila do mañá' o pasado ano.

A seguinte proposta terá lugar durante a Semana Santa, os días 11, 12, 13, 14 e 18 abril. O obradoiro A Vila do Mañá volta a este municipio despois do éxito das anteriores edicións nas que participaron unha vintena de rapaces e rapazas. Trátase dun proxecto educativo e de divulgación no que a través do xogo e da arte se transforma o lugar que habitamos. O horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas para idades de cinco anos en diante. Para participar será necesario anotarse no teléfono 981 500 222 ou no correo cultura@concellodearzua.com entre o 1 e o 8 de abril. As prazas son limitadas e a inscrición totalmente de balde.


O venres 22, para conmemorar o Día Internacional do Libro, a Capela da Madanela acollerá exposición de autómatas Kinetiko con visitas guiadas de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00h. Nove pezas automatizadas entre as que podemos atopar autómatas musicais que a partires de mecanismos crean sons e ritmos, monicreques con efectos especiais, un teatriño de guiñol automatizado homenaxeando ao tradicional títere de cachiporra e moito máis. Mediante visitas guiadas dun xeito teatral, mostran e explican a historia e mecanismo de cada peza, adaptándose ao público en cada momento.

Por último, do 23 ao 30 de abril poñerase en marcha a campaña de animación á lectura e de apoio ás librarías da vila Arzúa Conta. Durante esos días con cada merca dun libro en calquera das librarías locais, entregarase un lote de agasallos ata agotar existencias.


A programación de Primavera de Cultura terá continuidade no mes de maio con actividades centradas especialmente na celebración das Letras Galegas. A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, convida a toda a veciñanza a participar nas actividades “organizadas con moita ilusión e grazas ao froito dun traballo en contínua colaboración con centros educativos, coa biblioteca municipal e incluso coa USC”. Deste xeito asegura que “o Concello fai á sociedade cada vez máis partícipe na programación cultural desde o seu deseño ata a súa realización”.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page