Ecos da Comarca/Arzúa
O primeiro Pleno ordinario do Concello de Arzúa, celebrado este xoves, aprobou varios investimentos con cargo ao POS complementario da Deputación da Coruña. O goberno municipal liderado polo alcalde Xoán Xesús Carril destinará máis de 200.000 euros para melloras na piscina municipal cuberta e para a pavimentación da rúa da Calexa.
No caso das obras que se realizarán na piscina cuberta, desde o goberno municipal explican que “se trata de intervencións moi demandadas polas usuarias e usuarios da piscina climatizada e que virán a arranxar desperfectos existentes na piscina para seguirmos a prestar un servizo público moi importante e que conta cunha alta demanda”.
No caso da rúa da Calexa, a intervención que se realizará será de pavimentación e mellora do aspecto desta rúa. Sinalan desde o goberno municipal que “esta é tamén unha obra moi demandada non só pola veciñanza que vive nesta zona se non tamén por ser unha vía de tránsito importante nos días de feira en Arzúa”.
Publicidade
Á contía que o Concello destinará para estas obras cómpre sumar tamén os 208.000 euros que o Concello de Arzúa ten xa consignados para melloras en diferentes viarios, como o de Pantiñobre a Riba, ou a Humanización da Rúa Nova. Así mesmo, tamén con cargo ao POS complementario, outros 211.000 euros destinaranse para “atender os gastos correntes e diarios do Concello de Arzúa” engadiron desde o goberno municipal.
Outras mocións aprobadas
O Pleno do Concello de Arzúa aprobou tamén unha moción do Bloque Nacionalista Galego para instar á Xunta de Galiza a colaborar co Concello de Arzúa orzamentaria e tecnicamente para poder acometer a Humanización das rúas Neira Vilas e Ramón Franco “dúas das arterias principais do noso Concello e que prensentan graves deficiencias en materia de accesibilidade e seguridade para as e os viandantes” sinalaron desde o grupo municipal que lidera o alcalde, Xoán Xesús Carril.
Publicidade
Por outra banda, o Pleno do Concello deu tamén luz verde a unha moción do goberno municipal para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para facer fronte aos gastos que conleva a Festa do Queixo.
Comments