Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Arrancou a venta das primeiras pezas da IXP Pan Galego en 44 locais, entre eles en Logofran en Palas

A presentación oficial tivo lugar este mércores en Lalín


Laura Moure/Lalín/Palas de Rei

A Xunta pon de relevo que un total de 44 establecementos pertencentes a 14 panadarías da comunidade comezan a vender hoxe as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego, entre elas unha de Palas de Rei. Así se anunciou no acto oficial de presentación, que estivo presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

No acto, o director sinalou que as panadarías que distribúen desde hoxe o produto certificado superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, venderán as pezas envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

Na xornada, José Luis Cabarcos apuntou que na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Cabe engadir que o propio director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria interveu nunha mesa redonda que tivo lugar durante o acto, na que tamén participaron Guadalupe López, presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego; Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal); Luís Urquijo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; e Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. A xornada puido seguirse tamén por streaming, a través da canle de Youtube da Axencia.

Pan Galego A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Cabe engadir que as 14 panadarías inscritas ata o momento están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, dúas localízanse en Vigo e outras dúas nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.


Os interesados en coñecer os puntos de venda poderán consultalos no seguinte enlace: https://experienciasdecalidade.xunta.gal/gl/produtos/panaderia-e-reposteria/pan-galego.


209 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE