Esta actuación da Xunta suporá un investimento de máis de 1 M€
Laura Moure/Comarca de Arzúa
A Xunta iniciou a execución das obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro. As actuacións, que supoñen un investimento de máis de 1 M€, comprenden o acondicionamento do firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren por estes concellos da provincia da Coruña.
As tarefas de rehabilitación do firme concéntranse, neste inicio, no tramo da AC-308 no concello de Lousame e fan necesario o corte total da circulación durante as xornadas laborables, agás aos residentes e ao servizo público de transporte de autobús.
O corte, que está debidamente sinalizado, prolongaranse ata o remate dos traballos, previsto para o xoves día 8 de xuño.
En concreto, o horario destes cortes só será efectivo en días laborables: de luns a xoves en horario de 9:00 a 19:00 horas; e os venres entre as 9:30 e as 13:00 horas. Polo tanto, a circulación restablecerase ao final de cada xornada.
Os traballos obxecto deste contrato consisten en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal. O conxunto dos traballos previstos nas tres estradas da provincia da Coruña contan cun prazo de execución total de seis meses, polo que o obxectivo é telos rematados neste mesmo ano.
Comments