Aproban incorporar ao rueiro os nomes de Antonio García Mourelle e da Asemblea de Melide de 1520
As dúas mocións, presentadas polo grupo municipal de goberno, Adiante Melide, recibiron o apoio unánime da corporación municipal
Laura Moure/Melide
O Pleno do Concello de Melide aprobou na sesión celebrada o mércores as dúas propostas do grupo municipal de goberno, Adiante Melide, para recoñecer a través do rueiro municipal a figura do antigo párroco Antonio García Mourelle e a relevancia da Asemblea de Melide de 1520. Ambas as iniciativas contaron co respaldo de todos os grupos municipais.

No caso do antigo párroco, o acordo establece a denominación de Rúa Antonio García
Mourelle para o tramo comprendido entre a esquina da Travesía de San Antón e o
cruzamento de Santa María, pasando por diante da Capela do Carme.
PUBLICIDADE

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou durante a sesión plenaria o papel de
Antonio García Mourelle como “modernizador da Igrexa” e “dinamizador social”. O sacerdote, do que o próximo 10 de decembro se cumprirán 16 anos do seu falecemento,
mantivo unha estreita vinculación coa vida social de Melide, especialmente coa mocidade.
Pola súa banda, coa denominación da nova rúa do SAU 11, o Concello pretende
contribuír á divulgación da Asemblea de Melide de 1520, da que o vindeiro 4 de decembro
se cumprirán 506 anos. Naquela reunión, os representantes das principais casas
nobiliarias galegas reivindicaron ante o rei, entre outras cuestións, a recuperación do voto
en Cortes para Galicia.
PUBLICIDADE
Os acordos plenarios contemplan o inicio dos expedientes administrativos para formalizar
ambas as denominacións e actualizar o rueiro municipal, así como a celebración de actos
públicos para o descubrimento das placas conmemorativas.








Comentarios