top of page

Amigos da Empanada abre o prazo para a reserva das mesas da comida e cea de peñas

O colectivo silledense sen ánimo de lucro aumentará o espazo de mesas e contará con pulpería oficial ante un previsible aumento de solicitudes


Laura Moure/Silleda

O equipo de persoas voluntarias da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira abre o prazo para a reserva de mesas da tradicional Festa da Empanada, que celebra a súa 47 edición o vindeiro 19 de agosto na localidade silledense. Como novidade, a cita gastronómica por excelencia do concello de Silleda, estrea o formato de comida e cea, podendo as persoas asistentes gozar do evento en ambos horarios e polo mesmo prezo.

O período de reserva estará aberto do luns 7 ao martes 15 de agosto, ambos incluídos, e o horario será de 18:00 a 21:30 horas durante a semana e de 12:00 a 14:00 horas as fins de semana. As solicitudes poderanse efectuar de xeito presencial no Centro Cultural Vista Alegre e os métodos de pago son en efectivo, a través de transferencia bancaria ou bizum.


Publicidade

Así mesmo, poderase facer a reserva a través de WhatsApp contactando co teléfono da asociación no 621 08 71 17 e podendo abonar a cantidade a través dunha transferencia bancaria ou bizum co concepto "mesa" e o nome da persoa representante.


O prezo das mesas será o mesmo que na última edición, é dicir, 35 euros por mesa. Cada mesa terá espazo para un total de 10 persoas, polo que resultaría a 3,5 euros por persoa. No caso dos socios, estes terán descontos nas mesas, tendo un custo de 20 euros as dúas primeiras e de 25 a partir da terceira. É importante recordar que son as peñas as que deberán levar todo o necesario xa que a organización só aluga o espazo e a mesa e ofrece servizos como baños, luz ou auga en diferentes puntos da carballeira da Pomba, na que se espera reunir a máis de 400 peñas, é dicir, máis de 10.000 persoas. Tamén é preciso indicar que o prezo da mesa será o mesmo tanto se se decide comer, cear ou ambas opcións.

Publicidade

A directiva roga a toda a veciñanza e persoas visitantes ao evento que cumpran meticulosamente co horario establecido xa que as persoas voluntarias realizan múltiples tarefas ademais das reservas. O presidente da asociación, Andrés Seoane, pide paciencia e comprensión ante un previsible aumento de comensais. “Levamos dende hai semanas recibindo decenas e decenas de chamadas e mensaxes solicitando información para comer e cear na Festa da Empanada, maioritariamente de persoas que nunca estiveron” apunta Seoane, quen pide que se realicen con antelación suficiente para non quedar sen espazo.


Para evitar esta situación, Amigos da Empanada aumentará o espazo na carpa oficial e instalará máis mesas noutras zonas da carballeira. Ademais, a Festa da Empanada contará con pulpería oficial para todas aquelas persoas que non desexen reservar mesa ou que queden sen a mesma por falta de espazo.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page