Co fin de complementar a súa cualificación profesional as persoas dos ciclos de Comercio e Márketing e Educación Infantil participaron nunha semana de formación
Laura Moure/Arzúa
Alumnado da EFA Piñeiral de Arzúa viaxou a Madrid. En concreto, a semana arrancou para algúns deles coa visita ó Congreso dos deputados, organizada pola deputada Marta González, onde o alumnado puido presentar as súas inquedanzas sobre as necesidades e problemáticas da xuventude no rural a un grupo de congresistas.
Outras das actividades nas que participou o alumnado dos ciclos de Comercio e Marketing foron as visitas técnicas a empresas destacadas como o NH Collection Real Casino de Madrid e o hotel Meliá Princesa, onde coñeceron as súas estratexias de comercialización e organización de eventos. En MURPH Media e Autocontrol coñeceron unha visión diferente sobre os diversos aspectos e enfoques relevantes na actualidade no sector.
Asemade, o alumnado do ciclo superior de Educación Infantil, os dous primeiros días desta semana de formación, estivo inmerso na actividade diaria de varios colexios da capital madrileña: Montealto, Tajamar, Senara, Los Tilos e Nuestra Señora del Recuerdo.
Casa de Galicia
Algunhas das actividades desta semana formativa tiveron lugar na Casa de Galicia en Madrid. Na xornada do martes, tras a benvida institucional a cargo do presidente, Juan Carlos Serrano, desenvolvéronse varias charlas técnicas con profesionais do márketing e do audiovisual. Rita Rodríguez, CEO de THE TURTLE ACADEMY coa tertulia Manual de primeros auxilios cómo dedicarse a la publicidad y no morir en el intento achegoulles algunhas das claves da profesión de publicista. Laura Cardenal e Eduardo Contreras, da empresa SELECTRA, centráronse na importancia da fidelización da marca como éxito da empresa, Alejandro Lafuente e Lara Pérez de BTEAM PICTURES explicaron o papel do márketing nunha distribuidora audiovisual.
O mércores o alumnado do ciclo superior de Educación Infantil participou en diversas actividades: a ponencia de Marga Alonso centrada na orientación educativa, a de Juan Sánchez, presidente da Asociación Internacional de Educadores Infantís AMEI WACE, na que lles presentou a labor que desenvolven dende esta entidade, con Lola Forfo traballaron a psicomotricidade e con José Luis Zarataín coñeceron as iniciativas que levan a cabo na Fundación Promoción Social.
Por outra banda, Jorge Castro e Javier López, directores creativos de HAVAS COMUNICACIÓN, traballaron co alumnado do ciclo de márketing e publicidade e explicaron os departamentos e os postos de traballo dunha axencia e titorizaron diferentes propostas elaboradas polo alumnado para incorporar ao seu portfolio.
Para rematar a xornada, Julio Feito e Silvia Mollón da empresa NATVEEVO desenvolveron un taller de “Creación da marca persoal” no que participou o alumnado de todos os ciclos.
“Na nosa metodoloxía o acercamento do alumnado á súa realidade profesional é unha constante. A semana de formación a Madrid permite que os futuros profesionais poidan coñecer unha pluralidade de entornos empresariais e profesionais que complementan o seu coñecemento e enriquecen a súa formación“ indica Raquel Carregal, directora do centro formativo.
Comments