Alerta: fraude bancaria a través dunha mensaxe ao móbil que te invita a acceder a un enlace
Aquí solicítache datos persoais, algo que ningunha entidade che pedirá por esta vía
Laura Moure/Xeral
Temos que desconfiar sempre das mensaxes que recibimos a través do móbil na que nos invitan a pinchar nun enlace, e máis, cando se fan pasar por algunha identidade bancaria. Moito ollo! Hoxe ECOS DA COMARCA recibiu unha destas mensaxes e por iso considera que é oportuno volver recordar varias claves para evitar caer na man dos ciberdelicuentes.

Nós recibimos unha mensaxe de parte de CAIXA. Isto foi o primeiro que nos chamou a atención por non ter aí ningunha cuenta e polo nome en si "CAIXA". Pero, precaución, porque por exemplo dende a web de CaixaBank alertan de que para que sexa menos sospeitoso, os cibercriminais son capaces de enganar ao dispositivo para que sitúe a mensaxe falsa a continuación das mensaxes lexítimas que a persoa recibiu previamente, neste caso, de CaixaBank, no mesmo fío da sms. Así que moito coidado!!!
Ao clicar aparece unha web falsa que imita á das entidades bancarias (na nosa mensaxe a de CaixaBank) solicitando a introdución de datos persoais coma o usuario, contraseña e teléfono. Se o usuario envía os datos solicitados, recibe unha chamada do ciberdelincuente facéndose pasar por un xestor de CaixaBank, tal e como informa esta entidade. Para facelo aínda máis complicado, o número falso que aparece en pantalla é moi similar ou mesmo igual que un lexítimo da entidade.
Cabe mencionar que hai tres días o Banco de España alertaba dunha fraude que suplanta a identidade de bancos a través de SMS e chamadas.
Como protexerse deste fraude?
Ningunha identidada bancaria nin ningún outro servizo lexítimo pedirache nunca os teus datos persoais, teléfono ou claves secretas de acceso. Non as compartas con ninguén.
Recoméndase non clicar directamente nas ligazóns dos SMS. É mellor acceder á información que se ofrece a través da propia app ou da páxina web do servizo.