top of page

Alba Forno Crespo encabezará a candidatura socialista de Lalín cara as eleccións de maio

“Teño un modo de entender a política que se basea en ganar mediante a escoita

aos veciños e o respecto”, indica


Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG PSOE de Lalín vén de celebrar un acto no Museo Ramón Mª Aller para a militancia. Na xornada, deuse a coñecer á candidata de cara ás eleccións municipais, que será a concelleira e secretaria xeral, Alba Forno Crespo.

Forno, no centro portando un ramo, rodeada dos asistentes ao acto de hoxe.

A cita abriuse coa emisión dun pequeno vídeo de presentación da candidata e acto seguido foron as intervencións de Román Santalla, quen destacou que “teremos unha candidata valente, comprometida e traballadora. Demostrouno nestes catro anos de enfrontamento con Crespo e seguirao demostrando. Estamos convencidos de que temos aquí a primeira alcaldesa de Lalín”. Con estas mesmas palabras referiuse o secretario provincial, David Regades, que incidiu que nome de “Alba Forno é para escribilo en maiúsculas. É unha muller referente para os socialistas, pero tamén para toda a veciñanza. É un exemplo de muller” e engadiu que “é moi capaz e así o veremos nestes meses”. Recalcou a importancia do traballo de Forno nestes anos e a súa implicación co partido e tamén con toda a súa veciñanza: “Sempre está pendente de todas as súas necesidades e pedindo ou esixindo que cumpramos co prometido”.

Para finalizar o acto, interveu Alba Forno, quen despois de dar as grazas pola confianza depositada nela, resaltou as dúas claras evidencias da súa candidatura: “Son muller e son nova. Probablemente haxa quen considere que a miña mocidade leva á falta de experiencia, mais todo o contrario. Levo catro anos xa na administración pública e máis dunha década como asalariada, traballando no sector seguros de cara ao público. Así mesmo, hai uns anos que decidín emprender e conto cunha pequena empresa. Ademais, o meu espírito inconformista fixo que hai un ano decidise seguir formándome”.

"Cremos nun cambio para Lalín e estou segura de que chegaremos a Alcaldía”, recalca Forno

Forno recoñeceu que esta decisión “foi unha das máis complexas da miña vida. Foi moi meditada porque quero estar a altura deste partido e de toda a veciñanza, que se merece un goberno progresista e que lle dea futuro a Lalín e non vele só polos seus intereses”. Presentou un proxecto gañador no que me a acompañarán persoas con experiencia e tamén se incorporará xente nova. “É un proxecto aberto e ambicioso. Cremos nun cambio para Lalín e estou segura de que chegaremos a alcaldía”, destacou. Entre as claves da súa proposta destaca a volta a transparencia, “co PP en Lalín volvemos aos cidadáns de primeira e de segunda, non hai igualdade de oportunidades. Iso sabémolo todos e todas”. Tamén resaltou o modelo de vila que ofrecerá o PSdeG de Lalín, centrado nas persoas e “por suposto, sen esquecernos do rural”.


Por outra banda, afirmou que cre nunha política ao servizo do benestar social de toda a veciñanza, na solidariedade e en darlle ás accións políticas unha perspectiva e unha visión femininas. “Hai catro anos, cando din o paso a meterme na política, unha das primeiras cousas que reivindiquei coas siglas deste partido foi unha mellora na conciliación familiar. Tamén é importante mellorar a atención das persoas que necesitan coidados. Estas serán unhas das miñas prioridades. Na súa maioría, estas cargas pesan nas mulleres, por iso quero pensar nelas e tenderlles unha man”, afirmou.


Puxo de manifesto o retraso da ampliación do Polígono ou tamén a ausencia de proxectos culturais. Ademais resaltou que a saúde será outro dos puntos fortes deste curso. “Sabemos de primeira man todas as deficiencias que ten o actual centro de saúde. Os retrasos inxustificables do CIS ou a ausencia de ambulancia medicalizada son dous bos exemplos de como se está a tratar a nosa saúde. Nós seremos máis respectuosos co coidado da saúde”.


O compromiso e respecto polo medio natural será outro eixo e anunciou que pronto se darán a coñecer propostas innovadoras para lograr un modelo enerxético que potencie o autoconsumo e as comunidades enerxéticas. Así mesmo, lembrou que hai catro anos o Concello quedou libre de débeda, pero co PP volveu. “Non queremos que aumente nin a débeda nin, por suposto, os impostos. Queremos un equilibrio. Sustentabilidade económico e respecto á cidadanía. Reforzaremos as nosas perspectivas europeas e, ben é sabido, que isto o faremos mellor que ninguén. Lalín xa obtivo beneficios de Europa e isto vai seguir sendo cada día máis certo connosco”.

Como último punto, pero non menos importante, destacou que é a primeira muller das candidaturas que se coñecen ata o momento e a primeira muller que encabezará unha lista socialista en Lalín. Nese eido, destacou que traballará para unha transición cara á igualdade en Lalín. Para concluír, afirmou que “teño un modo de entender a política que se basea en ganar mediante a escoita aos veciños/as e o respecto. O respecto á xente vai ser algo moi importante de aquí a maio. O que teño claro e que cando pase o 28 de maio ningún veciño ou veciña que me votase dirá que foi por medo ou por presións. Será por convencemento e devolvereillo con traballo, esforzo, compromiso e moito respecto”.


Web activa

Dende hoxe estará activa a web para consultar calquera información do partido, onde recolleremos todas as inquedanzas da nosa veciñanza. Ademais, publicaranse todos os contidos relativos a campaña e as propostas do PSOE. Calquera usuario pode visitala a través de www.albaforno.gal.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page