Alba Forno apoiará ás traídas de auga veciñais para mellorar a xestión da escaseza desta en Lalín
- ecosdacomarca
- 22 may 2023
- 2 Min. de lectura
O PSOE acusa de “nefasta” esta xestión sinalando que “coller auga en Vilatuxe, levala a Lalín e logo distribuíla ata debaixo do Carrio é unha perda de cartos e de auga”
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata dos e das socialistas lalinenses, Alba Forno, ven de propoñer un programa de
apoio estable ás traídas veciñais de auga que en moitos casos “proporcionan auga de
primeira calidade e que cunha boa xestión pode axudar a aforrar moitísima auga aos
veciños e veciñas de Lalín”. De tal xeito, as comunidades interesadas nese programa
recibirían apoio administrativo para a xestión das comunidades e subvencións para a
mellora das redes e a construción de depósitos de abastecemento e hixiene.

Alba Forno xunto aos membros da candidatura Norma Fernández e Cristóbal Fernández,
con ampla experiencia na xestión de augas en Bermés, afirman que as traídas veciñais
poden ser unha grande axuda para a xestión da auga no Concello, “só hai que apoialas,
pois a escaseza vai ser cada vez maior, os ríos transcorren cada vez máis baixos en
verán, pero temos zonas onde non precisan ir a un río para sacar proveito de auga de
calidade”.
Os/as socialistas consideran unha aberración oller auga no Deza en Vilatuxe, subila ata
Lalín e logo bombeala ata parroquias coma Madriñán ou Anzo. “É ineficiente e non vai
resolver o problema da auga no verán, pola contra se apoiamos aos veciños e veciñas
poderemos conseguir auga de calidade, ben xestionada e diminuiremos o risco de quedar
sen auga no período estival”, aseguran dende o grupo socialista. Lamentan que Crespo lle dera as costas a esta posibilidade “porque está obcecado en derramar auga, pensa que cunha nova captación o problema se resolve, pero a xestión da auga en Lalín merece algo máis que un alcalde que derrocha, se despilfarra cartos como non vai despilfarrar auga”.

Desde o PSOE lalinense destacan que esta proposta encádrase perfectamente nos
parámetros de investimentos sostibles europeos, polo que están seguros de que contarán
con financiamento de Bruxelas para este fin e recalcan que o seu compromiso co medio
ambiente será efectivo e real, “porque hai que traballar nesa liña e as políticas deben ir
encamiñadas nese sentido, porque o coidado do medio ambiente ten que ser transversal
en todas as propostas que se saquen adiante”. Así mesmo, puntualizan que a xestión de
recursos naturais como a auga deben ser “primordiais”.
Comments