AIRA recibe unha comitiva da Comisión Europea na súa planta láctea de Melide
- Laura Moure
- 8 may
- 3 Min. de lectura
A comitiva europea estivo acompañada pola Conselleira de Medio Rural que destaca os investimentos realizados para a valorización do leite
Laura Moure/Melide
A cooperativa agroalimentaria AIRA acolleu este mércores na súa planta láctea Dairylac, situada en Melide, a visita dunha comitiva do Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), integrada por membros da Comisión Europea e representantes do Ministerio de Agricultura. A visita institucional contou tamén coa presenza da Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, así como por autoridades locais e outros representantes da Xunta.
Durante o percorrido polas instalacións, os representantes europeos puideron coñecer
de primeira man os investimentos realizados por AIRA para a valorización do leite
mediante a transformación en ingredientes lácteos de alto valor engadido. A
Cooperativa realizou un investimento de máis de 20 millóns de euros nesta planta, na
que continúa a facer importantes esforzos de investimento de forma periódica co obxectivo de continuar manténdose á vangarda na produción de ingredientes lácteos
de alta calidade e de contar con procesos respectuosos co medio ambiente.

Cada ano, a planta procesa arredor de 42 millóns de litros de leite e 30 millóns de litros de soro, converténdoa nun dos principais centros industriais do sector en Galicia. Na actualidade, traballan nas instalacións 50 persoas e conta cun destacado departamento de I+D, que impulsa a innovación continua no desenvolvemento de novos produtos e
procesos. Estes ingredientes lácteos son exportados a numerosos países de todo o mundo.
Este proxecto de transformación láctea é unha mostra máis do compromiso de AIRA cos seus 3.000 socios, contribuíndo a achegar valor engadido ao leite que se produce nas gandarías socias da Cooperativa.
Durante a súa visita, a conselleira salientou a aposta pola transformación do leite en Galicia que realiza esta empresa e que vai na liña que sostén a Consellería, co obxectivo de aproveitar a materia prima e xerar valor engadido ao produto final obtido. Engadiu que, grazas a este esforzo conxunto das industrias e a administración, continúase avanzando para acadar que o 75% do leite producido na nosa comunidade sexa transformado en Galicia, unha meta recollida na Estratexia de dinamización do sector lácteo, situándonos actualmente xa no 70%.
Publicidade
Nesta liña, Gómez puxo en valor o apoio da Xunta ao sector a través de liñas de axudas como as destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, das que Dairylac foi beneficiaria desde 2016 con achegas totais de preto de 6,6 millóns de euros,
segundo subliñou a conselleira. Salientou ademais a relevancia destas achegas, xa que
supuxeron un investimento de máis de 330 millóns de euros por parte da Consellería desde o ano 2009, con 1.960 proxectos beneficiados desta medida.
Sector con futuro
No mesmo sentido, a titular de Medio Rural definiu o lácteo como un sector con futuro, grazas á “clara e decidida aposta de industrias como Dairylac por transformar leite en Galicia e pola profesionalidade dos nosos gandeiros e gandeiras”, remarcou. E lembrou
que este eido produtivo é un dos piares da economía da nosa comunidade, xa que Galicia produce o 42% do leite de España e atópase entre as primeira rexións europeas
produtoras.
Publicidade
Sobre a actividade de Dairylac, a conselleira destacou que nesta planta de Melide obtén,
principalmente, nata, leite tratado termicamente, leite e soro en po, manteiga e outras graxas lácteas, así como queixo crema. Neste marco, puxo de relevo tamén a importancia do cooperativismo, xa que o leite transformado por esta empresa procede maioritariamente
das explotacións dos socios da cooperativa AIRA, mentres que o soro se obtén de
queixerías da nosa comunidade.
En total, resumiu Gómez, as producións anuais desta compañía sitúanse en torno aos 42 millóns de litros de leite e os 30 millóns de soro, o que amosa o potencial de Dairylac dentro do sector lácteo galego.
Comments