top of page

Agolada rexistrou no que vai de semana tres lumes forestais que supoñen unhas 47 hectáreas afectadas

O alcalde reclama máis medios para loitar contra eles e sobre todo fóra da campaña de alto risco de incendios


Ecos da Comarca/Agolada

Lamentablemente nesta semana o municipio de Agolada rexistrou tres incendios forestais que suman unhas 47 hectáreas calcinadas. O Concello de Agolada lamenta esta situación que produce graves danos ambientais e mostra a súa total repulsa contra este atentado.


O primeiro deles orixinouse este martes pola noite na parroquia de Ventosa que tamén acabou afectando a Ferreiroa. Segundo os datos proporcionados pola Consellería de Medio Rural arderon 14 hectáreas. Iniciouse ás 21:09 horas e quedou extinguido ás 3:40 horas. Afectou a 14 hectáreas: oito arboradas e seis de monte raso. Nas tarefas de extinción participaron catro axentes, seis brigadas, cinco motobombas e unha pa.


Mentres este xoves rexistráronse outros dous lumes. Un deles de novo na parroquia

de Ventosa e outro na de Vilariño. No caso de Vilariño, que tamén afectou a terreos de

Esperante, comezou segundo Medio Rural, ás 1:29 horas, quedou controlado ás 6:13

horas e extinguido ás 13:16 horas. Afectou a 22,6 hectáreas, das cales 20,6 foron

arboradas e dúas rasas. Na súa extinción participaron dous axentes, seis brigadas, dúas

motobombas e unha pa.

Superficie queimada en Esperante nas últimas horas.

En canto ao lume de Ventosa este, tal e como informa a Consellería, iniciouse ás 8:04 horas e deuse por extinguido ás 13:57 horas. A superficie afectada foi de 10,2 hectáreas de monte arborado. No seu control estiveron traballando un axente, tres brigadas e unha motobomba.


“Temos que concienciarnos que os lumes forestais teñen un impacto devastador e ademais, van en contra de todo traballo e esforzo dos veciños de Agolada”, lamenta o alcalde do municipio, Luis Calvo, quen bota en falta máis medios contra incendios e máis fóra da campaña de alto risco de incendios. “Agolada, pola súa situación xeográfica debería ter unha dotación de efectivos permanente e é algo que dende o Concello imos trasladarlle á Xunta”, indica o mandatario. Así mesmo, Calvo recalca que “imos estar moi vixiantes para que isto non volva ocorrer. Dende logo, que non se pode permitir”.


Reunión cos axentes

Axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica reuníronse esta mañá co rexedor agoladés e xa están traballando na investigación.

A Consellería de Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento. Este é o 900 815 085. Así mesmo toda a información actualizada sobre os incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter@incendios085.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page