top of page

Agolada e Oleiros levarán a cabo actuacións conxuntas en ámbitos como o turístico e empresarial

Actualizado: 25 may 2021

O rexedor deste municipio coruñés, Ángel García, visitou Agolada para manter unha reunión con Calvo


Laura Moure/Agolada

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, máis coñecido como Gelo, visitou o pasado venres o concello de Agolada para manter unha reunión co mandatario agoladés, Luis Calvo. Era un encontro que xa estaba proposto desde hai meses, pero que debido á pandemia do coronavirus se tivo que pospoñer á pasada semana. Ambos rexedores ultiman todos os detalles para establecer un convenio de colaboración entre ambos municipios para abordar actuacións conxuntas.

Calvo e García durante a reunión en Agolada.


O mandatario de Oleiros foi recibido no Consistorio por Calvo e tras manter unha reunión coñeceu as instalacións e aos traballadores do Concello e despois visitaron distintos enclaves do municipio. Fixeron un recorrido polo casco urbano; estiveron nos Pendellos, construcións que marabillaron a Gelo; desprazáronse á igrexa de Ventosa, considerada a catedral do románico rural, e tamén visitaron a área recreativa de Brocos, onde o alcalde de Agolada lle trasladou toda a labor que está facendo o Agolada Clube Fluvial e o colectivo Mar do Deza e todos os proxectos que teñen en mente, tanto o clube como o Concello, para darlle valor a este lugar, para que sexa todo un referente en Galicia.


“Foi unha visita moi frutuosa na que abordamos levar a cabo distintas actuacións conxuntas en diferentes ámbitos, como o turístico e o empresarial”, recalca Calvo, porque é consciente de que o municipio de Agolada goza de lugares emblemáticos, pero que é preciso promocionalos para achegar a maior cantidade de visitantes. E en referencia ao tema empresarial, é un dos aspectos nos que máis se está centrado o alcalde agoladés, porque é consciente de que para asentar poboación e para que un municipio medre, ten que haber traballo. “O importante é lograr traer empresas para o noso concello, e por iso, estou chamando a todas as portas e ademais, unha das miñas prioridades é avanzar todo o posible para aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que Agolada progrese”, incide Calvo.


Todas estas actuacións serán concretadas polo miúdo polas dúas administracións locais e levarase ao pleno en vindeiros meses. “Para nós é unha honra que o alcalde de Oleiros se molestase en visitarnos e que queira sumar sinerxías con nós”, agradece Calvo. Cabe mencionar que o municipio coruñés de Oleiros prosegue a súa escala ano a ano no ránking dos municipios máis ricos de España e na edición de 2020 superou a Barcelona por habitante. En concreto, neste pasado ano foi o 17 máis rico de España, seguido da cidade condal. E leva anos sendo o municipio máis rico de Galicia e o único da comunidade galega no top 20 deste ránking do Instituto Nacional de Estadística e os únicos outros que figuran tamén son Santiago de Compostela e A Coruña, pero sitúanse sobre o posto 40.


Calvo xa visitou en varias ocasións Oleiros para reunirse con Gelo e foi convidado a asistir ao certame Alfaroleiros, unha das feiras de olería máis importantes a nivel nacional, que se celebra no verán.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page