Conta coa colaboración da Asociación Galega de Artesáns e participan persoas de distintas zonas de España
Laura Moure/Agolada
Este sábado, 21 de maio, celebrarase en Agolada o workshop de Curtidos Antón, de Alicante, que conta coa colaboración da Asociación Galega de Artesáns. Este taller está dirixido a todos os profesionais do calzado e artesáns do coiro. O workshop fusiona as antigas e novas prácticas dos talleres de reparación de calzado en España e terá lugar no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares.
O acto congregará a uns 90 artesáns de distintas zonas de España. Arrancará ás 9:00 horas e acabará sobre ás 18:30 horas, con parada para o xantar, que terá lugar nos Pendellos.

A xornada estará dividida en tres partes. Por un lado, abordarán técnicas para tinguir e limpar o calzado, que segundo a organización, será a parte máis importante. Estará
impartida pola firma italiana LM Professional. Neste caso, o equipo está formado por cinco membros que darán a coñecer os segredos da limpeza, do tinguido, así como do acondicionado do calzado e artigos de coiro. “Nela expoñeremos os produtos encarados ao profesional e coñeceremos as mellores técnicas para obter uns acabados extraordinarios”, recalca a organización.
Despois, tratarán o cambio de uppers e téxtiles técnicos nas zapatillas deportivas. A encargada deste taller é Silvia Mauricio, todo un referente no sector. “Co cambio e reparación das zapatillas deportivas conseguiremos prolongar a vida útil do calzado e a súa vez daremos osíxeno ao mundo da reparación deste”.
E por último, falarán sobre o cambio de solas en botas de moto. Esta parte estará impartida por Fernando Díaz, experto en cambios de solas deste calzado. “Actualmente as solas de motos e as das zapatillas de correr ou trekking están en auxe. A firma Cauchos Andes aposta por tecnoloxías que aportan propiedades mecánicas moi superiores ás de orixe”, explica a entidade organizadora.
“En definitiva, o que noso equipo Curtidos Antón está promovendo xunto á excelentísima Asociación de Artesáns Galegos son varios puntos: Por un lado, que non se perda a costume e as boas prácticas de reparar o calzado clásico e por outro, ensinar e apostar polas reparacións que están agora mesmo presentes froito da evolución da sociedade e do calzado”.
Pola súa banda, o Concello de Agolada agradece ás entidades organizadoras e colaboradoras que elixisen a nosa vila para celebrar este encontro de artesáns, e máis cando no noso municipio se lle dá tanta importancia ao feito a man como se pode
comprobar nas dúas mostras de artesanía que albergamos nos meses de verán.
Comments