Laura Moure/Xeral
Xogar: Segundo a Real Academia Galega (RAG) é a acción de realizar certas actividades, convencionais ou improvisadas, unicamente para entreterse e divertirse. Esa acción que todos os nenos do mundo deberían facer a diario. E cando digo isto non só penso naqueles cativos que lles tocou vivir en países subdesenvolvidos onde xogar a maioría das veces está en segundo plano. Estou a falar do xogar de hoxe en día.

Cantos nenos vemos xogar na rúa? E no parque? Cantos xogan uns con outros? Máis ben a pregunta que quero lanzar é: Cantas das veces, cada día, o teléfono móbil estalle roubando o xogar aos nosos cativos? Por que moitos dos adolescentes quedan, pero non soltan o móbil ou incluso, quedan pero para xogar con este? Xogar online cando están a escasos metros!!
Hoxe lanzo esta reflexión lembrando ( e tendo morriña) dos xogos de antaño: o brilé, a comba, o escondite (o escondite inglés tamén), a peonza, as canicas... Que ben o pasabamos xogando, si xogando, uns con outros polas corredoiras adiante e deixando voar a nosa imaxinación, porque antes apenas tiñamos xoguetes, pero nós xa nos encargabamos de facelos ou buscar cousas parecidas no noso arredor que semellasen ao que queriamos xogar!
Nesta víspera de Papá Noel convido a que todos nos paremos a pensar no que os nosos pequenos desexan nas súas cartas. E debemos darnos conta de que se debe agasallar xoguetes que xeren sociedade. Cando falo disto refírome a que contribúan a crear valores, que servan para relacionarse uns con outros e tamén coa familia sen ter por medio unha pantalla. E sobre todo.... sabedes que? Sabedes cal é o mellor agasallo que lle podemos dar a un rapaz? Un agasallo que quizáis agora non sexa consciente del, pero cando medre é o que, sen dúbida, lle vai quedar nos seus recordos de infancia: O TEMPO QUE LLE DEDIQUES!
Comments