top of page

Actividades gratuítas de lecer en contornas fluviais de 10 concellos, entre eles Monterroso

Esta iniciativa está promovida pola Deputación de Lugo e no caso desta localidade da Ulloa será o 24 de xullo na Peneda


Laura Moure/Monterroso

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou esta semana no paseo do Río Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial ofrecerá de maneira gratuíta en 10 concellos da provincia dende o vindeiro sábado, 2 de xullo, ata o 15 de agosto, entre eles Monterroso. No acto tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto a alcaldes, alcaldesas e representantes municipais das localidades nas que terán lugar estas propostas de lecer.


A programación, que chega á súa terceira edición, está dirixida a un público familiar, podendo anotarse maiores de seis anos de idade no propio lugar da actividade ou a través do teléfono 636 504155. Entre as actividades ofertadas, os participantes poden realizar kaiak, paddle surf ou inchables, ademais doutros xogos nas contornas fluviais.

A Peneda. Autor: Ecos da Comarca.

Os 10 concellos que acollerán esta proposta de ocio son Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna e Alfoz, nos que a Deputación xa organizou este programa en anteriores edicións, e A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, que se incorporan este ano.


“Con esta programación de Actividades Fluviais, ofrecemos ós veciños e veciñas do noso rural unha alternativa de ocio activo, ao aire libre, que pon en valor os espazos naturais, e que axuda a dinamizar a vida social e económica dos concellos”, sinalou o mandatario provincial, quen, explicou, ao mesmo tempo “seguimos consolidando un turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer xente durante todo o ano, que se apoia en elementos tan diversos como o medio ambiente, a gastronomía, a cultura, os monumentos ou mesmo as rodaxes de cine”.


“Manter unha oferta de ocio de calidade continuada é a mellor maneira de respaldar ó sector turístico, á hostalería e ó comercio local, porque todos sabemos que onde hai actividades de lecer, hai consumo, sobre todo no sector servizos”, asegurou o Presidente. Así, engadiu José Tomé, “a mensaxe que lanzamos é moi sinxela: sempre hai un motivo para vir á provincia de Lugo. Para que veñan os de fóra e para que os de aquí nos movamos para coñecer mellor o noso territorio”.

O presidente lembrou neste sentido que as Actividades Fluviais súmanse a outras propostas que a Deputación de Lugo ten en marcha como o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; o programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán esta tempada unhas 3.000 persoas de 135 asociacións, ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que estamos preparando para o mes de agosto.


CALENDARIO

A Fonsagrada – Pena do Inferno 2 de xullo. De 17 a 20 horas

Láncara – Praia fluvial da Pobra de San Xiao 16 de xullo. De 16 a 19 horas

Begonte – Praia fluvial de Begonte 17 de xullo. De 16 a 19 horas

Trabada – Ría de Abres 23 de xullo. De 11 a 14 horas

Monterroso – Área recreativa A Peneda 24 de xullo. De 16 a 19 horas

Ribeira de Piquín – Chao do Pousadoiro 30 de xullo. De 16 a 19 horas

Vilalba – Área recreativa da Madalena 6 de agosto. De 16:30 a 19:30 horas

Navia de Suarna – Praia fluvial da Pobra de Navia 13 de agosto. De 16 a 19 horas


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page