Menciona 43 iniciativas que dan resposta ás principais preocupacións que os agricultores e gandeiros trasladaron durante as últimas mobilizacións
Laura Moure/Vila de Cruces
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou sobre as novas medidas acordadas coas principais organizacións agrarias e aprobadas recentemente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en beneficio do sector. Nunha visita á explotación leiteira Gandaría Manteiga S.C en Oirós (Vila de Cruces), Losada sinalou que as 43 iniciativas acordadas tras un intenso traballo coas organizacións profesionais agrarias dan resposta ás preocupacións que os agricultores e gandeiros trasladaron durante as últimas mobilizacións.
O subdelegado explicou que se trata dun conxunto sólido de medidas distribuídas en sete áreas de actuación que comprenden a simplificación e flexibilización de certos aspectos da PAC, o reforzo da cadea alimentaria, o apoio aos seguros agrarios, novas medidas fiscais, financeiras e laborais, apoio á gandaría extensiva e á sanidade animal, así como melloras na incorporación da mocidade á actividade agraria, entre outras.
Publicidade
“Son iniciativas que amosan o compromiso do Goberno de España cun sector estratéxico para Galicia e para o interior da provincia de Pontevedra”, explicou. Losada tamén resaltou o carácter preciso e práctico destas medidas “dotadas dunha gran capacidade de inmediatez para que os seus beneficios cheguen canto antes aos nosos profesionais agrarios, agricultores e gandeiros”.
O subdelegado do Goberno aproveitou para informar de que o Ministerio de Agricultura vén de realizar un novo pago por importe de 197.352 euros a 228 gandeiros galegos como axuda extraordinaria polas consecuencias da seca e a guerra en Ucraína. Con este novo pago, xa son 12.534 as explotacións beneficiadas e 10.180.810€ a axuda económica inxectada.
Publicidade
Abel Losada coñeceu de primeira man o modelo de Gandaría Manteiga “unha explotación familiar sostible que é exemplo de relevo xeracional e do salto técnico e económico que experimento polo sector lácteo galego nas últimas décadas”.
Comments