top of page
Foto del escritorLaura Moure

A XX Volta Ciclista a Galicia pasará por Monterroso

Terá lugar do 15 ao 18 de setembro e percorrerá 600 quilómetros en catro etapas


Laura Moure/Monterroso

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a XX Volta Ciclista a Galicia que a próxima semana -do 15 ao 18 de setembro- percorrerá case 600 quilómetros en catro etapas con saídas desde os concellos de Poio, Taboada, Manzaneda e Ponteareas. E tamén pasarán polas comarcas, en concreto, por Monterroso.

Diego Calvo agradeceu a implicación da Federación Galega de Ciclismo na organización desta competición da categorías elite e sub-23 consolidada no calendario nacional, así como dos clubs e deportistas participantes e dos patrocinadores. A Xunta tamén apoia a proba cunha achega anual no marco da colaboración coa federación. Ademais do apoio a eventos deportivos e ao patrocinio anual de equipos e deportistas de elite da comunidade, o Goberno galego destina este ano 2,7 millóns en axudas a clubs deportivos da comunidade para equipamento e o desenvolvemento da súa actividade, con varios clubs ciclistas entre os beneficiarios.


Nesta liña, incidiu na importancia de eventos deste tipo para impulsar o ciclismo galego que cada ano acada unha maior afección e participación. De feito, esta “festa do ciclismo galego” tivo en distintas edicións como vencedores a nomes ilustres deste deporte como Delio Fernández, Miguel Induráin, Frank Vandenbroucke ou Andrew Hampsten. Tamén puxo en valor a importancia do deporte para axudar á promoción turística da comunidade, neste caso para dar a coñecer as paisaxes e percorridos da Volta Ciclista a Galicia nas súas catro etapas.

Respecto do inicio no concello de Poio, o vicepresidente segundo da Xunta destacou a homenaxe que se lle rende nesta ocasión a Magín Froiz, falecido o pasado marzo, coa saída da primeira etapa da súa vila natal. Así, lembrou que o fundador do grupo alimenticio Distribucións Froiz foi un pioneiro que traballou de xeito incansable polo benestar galego desde a economía ata o deporte apoiando e patrocinando diferentes eventos deportivos. No que se refire ao ámbito deportivo, indicou que axudou a impulsar o ciclismo galego coa creación en 1987 xunto a Evaristo Portela do Grupo Deportivo Supermercados Froiz con grandes logros na categoría elite e sub-23. En concreto, na Volta Ciclista a Galicia acadou a vitoria ata en sete ocasións.


Percorrido

A Volta a Galicia consta de catro etapas nas que competirán 18 equipos cunha clara representación galega. Os 10 clubs ciclistas galegos participantes son Cidade de Lugo, Cortizo, Drone Hopper, Farto, Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Lasal Louriña, Oiense, Retelec Alca, Rías Baixas e CC Vigués.

Entre as localidades que visitará a Volta figuran, na primeira etapa, Poio, Meaño, Cuntis, Pontecesures, Catoira ou Ribadumia; na segunda etapa, Taboada, Monterroso, Portomarín, Sarria, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Chantada; na terceira, Manzaneda, A Pobra de Trives, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras ou A Veiga; e na cuarta e última etapa, Ponteareas, As Neves, Fornelos de Montes, Mondariz ou Mondariz-Balneario.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page