top of page

A Xunta remata a tramitación ambiental que permite a ampliación do parque empresarial de Palas

Laura Moure/Palas de Rei

A Xunta de Galicia acaba de poñer fin á tramitación ambiental dos proxectos de interese autonómico para a ampliación en 250.000 metros cadrados dos parques empresariales de Palas de Rei e o Corgo. Deste xeito, o Instituto Galego de Vivenda e Solo pode emprender as xestións necesarias para iniciar a ampliación de ambas superficies industriais da provincia de Lugo, tendo en conta que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, e Cambio Climático entende que non se esperan efectos ambientais significativos e non procede someter os proxectos a avaliación ordinaria.

No obstante, como ocorre habitualmente, desde a Dirección Xeral suxírense unha serie de determinacións. No caso de Palas de Rei, indican a necesidade de conter un estudio de paisaxe para concretar a incidencia visual desta proposta sobre o núcleo urbano e o Camiño Francés. Tamén se suxire unha reorganización dos terreos da reserva viaria para ampliar as superficies de espazos libres.


Compre recordar que a terceira ampliación deste parque empresarial está prevista no Plan Sectorial de Áreas Empresariais vixente. Trátase dun ámbito que se localiza na estrada N-547, a uns 600 metros do núcleo principal e a tres quilómetros do acceso á autovía Lugo- Santiago(AG-52).


A ampliación de Palas de Rei, que permitirá habilitar unha superficie de 42.280,56 metros cadrados, está xustificada polo feito de que as dúas fases existentes do único parque do municipio (ambas promovidas pola Xunta e que suman preto de 50.000 metros cadrados de superficie destinada a parcelas) están xa vendidas na súa totalidade, polo que non hai opción de adquirir máis solo por parte das empresas interesadas, tal e como explica o Concello.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page