top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta pon en marcha un servizo de videointerpretación para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias

Estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, en todos os servizos de urxencias hospitalarias, e en todos os Puntos de Atención Continuada


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia pon en marcha un servizo de videointerpretación para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, no transcurso da súa visita ao PAC da Casa do Mar da cidade herculina, un dos 90 nos que se incorpora este servizo en toda Galicia. Tal e como detallou o máximo responsable do Sergas, este servizo de videointerpretación estará dispoñible 24 horas e 365 días ano ano no 061, así como en todos os servizos de urxencias hospitalarias, e en todos os puntos de atención continuada.

No acto de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Federación de Persoas Xordas, Iker Sertucha, así como polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, o titular da carteira sanitaria remarcou que, con esta medida, a Xunta dá cumprimento a un acordo unánime do Parlamento de Galicia co obxecto de poñer en marcha este servizo a disposición do colectivo de persoas xordas as 24 horas do día na sanidade pública.


Comesaña lembrou que as persoas xordas podían acudir á sanidade pública con intérprete a través do convenio que a Consellería de Política Social ten coa Federación, por preto dun millón de euros anuais para financiar ese servizo, pero as visitas urxentes á sanidade non se poden programar e solicitar, como esixe ese servizo, e moitas veces se producen a horas nas que non é posible contar fisicamente cun intérprete.


Publicidade

Ao respecto, o conselleiro dixo que o seu departamento decidiu optar por un servizo de videointerpretación, colaborando con quen xa o implantara no ámbito administrativo da Xunta, como era a AMTEGA. Polo tanto, a Consellería de Sanidade súmase ao acordo que este organismo tiña xa coa Federación de Persoas Xordas e, dentro dese convenio, inclúese o servizo que hoxe se presentou na Casa do Mar.


Comunicación entre persoal sanitario e doente

Comesaña detallou que, a partir de agora, os servizos de urxencias dos 14 hospitais galegos e os 90 Puntos de Atención Continuada terán instalados en todos os seus ordenadores unha plataforma que permitirá abrir videoconferencia dun intérprete de lingua de signos que facilite a comunicación entre persoal sanitario e paciente. Esta plataforma conéctase cun servizo de videointerpretación do que dispón a Federación, e que funciona 24 horas ao día e os 365 días do ano.


O conselleiro incidiu en que o persoal da Federación estivo xa realizando visitas ás áreas de urxencias para asesorar aos responsables no uso deste sistema e, ademais, Sanidade contou con eles para preparar o material formativo que se facilitou aos traballadores destes servizos para familiarizarse con esta plataforma.


O máximo responsable do Sergas subliñou, así mesmo, que o acordo incorpora a un técnico de apoio intérprete de lingua de signos para que estea a disposición do Sergas, co obxecto de coordinar o proxecto e axudar nas novas necesidades de melloras ou de formación que requiran profesionais ou pacientes.


Para o conselleiro, trátase dunha colaboración moi útil entre a Federación, a Amtega e o Sergas. Deste xeito, a Federación amplía o uso do servizo de videointerpretación que presta aos seus asociados e o leva a novos servizos públicos; a Amtega avanza na súa Estratexia Galicia Dixital 2030 para facilitar a accesibilidade da administración a través da tecnoloxía; e, pola súa banda; o Sergas consegue dar un paso máis na universalización da sanidade pública.


Publicidade

Atención especial

O conselleiro de Sanidade remarcou na súa intervención que non todas as persoas necesitan o mesmo tipo de asistencia. Así, hai cidadáns que requiren dunha atención especial, como poden ser os maiores, os cativos e as persoas con discapacidade.

Ao respecto, un dos retos da Estratexia Galega de Saúde é precisamente personalizar a atención sanitaria e adaptala ás necesidades do doente, e o paciente xordo, -proseguiu o conselleiro-, tiña a necesidade de poder acudir a un servizo de urxencias de xeito autónomo e independente, sen necesidade de ir acompañado dun familiar ou amigo que teña que enterarse de todo o que lle ocorre, para trasladarllo ao persoal.


Publicidade

Polo tanto, do mesmo xeito que o Sergas fixo coa plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, ou con outros avances, a sanidade pública galega utiliza a innovación tecnolóxica para potenciar a autonomía do paciente.


Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu á Federación, á Amtega e ao persoal da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Axencia de Coñecemento en Saúde, por poñer en marcha os instrumentos xurídicos, os medios técnicos e a formación necesaria para que este proxecto botase a andar. Sen dúbida, vai ser un instrumento útil e completará o apoio integral que a Xunta dá ás persoas xordas a través das distintas consellerías, co apoio fundamental da súa Federación, -concluíu o conselleiro-.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page