top of page

A Xunta mercará 3 vivendas en total en Lalín e Silleda para reforzar o parque público residencial

O ente autonómico adquirirá en total 40 casas por preto de 3,5 millóns de euros en 16 municipios


Laura Moure/Deza

A Xunta de Galicia comprará un total de 40 vivendas por case 3,5 millóns de euros co fin de reforzar o seu parque público destinado a alugueiro social en 16 concellos galegos, entre eles Lalín e Silleda, onde está constatada a existencia deste tipo de demanda. Tras informar onte ao Consello do acordo acadado para formalizar a adquisición, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está xa en disposición de asinar as escrituras coa actual propietaria: a entidade financeira Sareb.

Unha vez formalizada a compravenda, que se enmarca no programa para o incremento do parque público do Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, todos estes inmobles pasarán a ser cualificados como de promoción pública e destinaranse a alugueiro social a prezos accesibles. Cómpre precisar que o IGVS xa tiña cedida a xestión destas 40 vivendas en virtude dun convenio coa Sareb que se remonta ao ano 2015 e cuxo fin era o de garantir que tanto persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias mantivesen a súa vivenda habitual, como que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión tivesen acceso a un contrato de alugueiro a prezos reducidos.


Neste sentido, os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles e que, na súa maior parte, se corresponden con persoas en situación de vulnerabilidade poderán seguir vivindo neles unha vez sexan propiedade da Xunta nas condicións establecidas para as vivendas de promoción pública. De feito, un dos obxectivos con que o IGVS promove esta operación de compravenda é o de facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas vulnerables ou que se visen afectadas por un desafiuzamento ou unha execución hipotecaria no seu día e que, por conseguinte, necesitan un alugueiro social.

Así mesmo, a Xunta tamén busca avanzar no seu obxectivo de incrementar o parque público residencial baixo a súa titularidade, reforzando a oferta naqueles municipios onde sigue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro. O acordo con Sareb chega un mes despois de que o IGVS formalizase tamén a compra doutras 55 vivendas propiedade de Abanca por un importe global de 3,9 millóns de euros. Deste xeito e grazas a ambas operacións, o Goberno galego sumará este ano ao seu parque público residencial —que na actualidade rolda as 3.700 vivendas— un total de 95 inmobles localizados en preto de 40 concellos.


A continuación detállanse os municipios e as vivendas propiedade da Sareb que o IGVS adquirirá nas vindeiras semanas.






0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page