top of page

A Xunta licita por 400.000 € as melloras das instalacións do colexio Ramón Valenzuela de Silleda

Román Rodríguez explica que as obras abranguen a reforma de aseos e a substitución de cubertas, entre outras actuacións


Laura Moure/Silleda

A Xunta de Galicia vai acometer unha reforma das instalacións do colexio CEIP Ramón de Valenzuela, en Silleda, co fin de facelas máis confortables e máis sostibles, seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta dos próximos anos para actuacións nos centros educativos galegos.

Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro educativo para presentar os detalles das obras que se van a levar a cabo e que suporán un investimento de preto de 400.000 euros por parte do Goberno galego. Segundo explicou o conselleiro, o proxecto foi licitado hoxe mesmo e, unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de tres meses. Ademais, a consellería está ultimando o proxecto para acometer diversas melloras relativas ao colexio CEIP de Silleda, que tamén se licitarán proximamente.

No caso do Ramón de Valenzuela de Bandeira, os traballos abranguen a reforma dos aseos da planta baixa e da primeira planta, así como a colocación de falso teito e iluminación tipo led na primeira planta. Así mesmo, procederase á substitución das cubertas planas do teito da planta baixa, da zona de acceso ao centro e da zona traseira por outras novas de similares características. E no patio cuberto cambiarase a cuberta inclinada de fibrocemento por outra de panel sándwich.

O investimento da Xunta nos centros educativos de Silleda nos últimos anos elévase a máis de 800.000 euros, aos que hai que engadir esta actuación licita hoxe. Entre as máis recentes cómpre lembrar o recente cambio de luminarias do instituto plurilingüe Pintor Colmeiro, cun investimento de máis de 96.000 euros.


Neste sentido, ademais da reforma da cuberta do edifico principal no que segue habendo goteiras (só se cambiou a cuberta de infantil), o alcalde do municipio, Manuel Cuiña, tamén

lembrou que é preciso reformar de xeito integral os baños, substituír as tuberías, e facer un patio cuberto, como se vén demandando dende hai anos, tendo en conta que é un dos colexios máis antigos da comarca, que comezou a construirse hai preto de 60 anos, e con máis alumnado. Cuiña e a concelleira Ángela Troitiño agradeceron a actuación no CEIP Ramón de Valenzuela, onde tamén era imprescindible actuar nas cubertas polas filtracións existentes.


Accións por parte do Concello

Así mesmo, os responsables municipais informaron durante a visita de hoxe ao conselleiro, Román Rodríguez e ao personal técnico da Consellería, que a vindeira semana (os días 9 e 10 de decembro) aproveitando a ponte festiva, o Concello procederá a limpar os canalóns dos dous centros, tal e como se fixo nos últimos anos.


Tamén informaron de que o CEIP de Silleda xa conta con auga quente, despois de que os servizos municipais solventaran a grave avaría rexistrada o pasado xoves, se ben segue sendo necesario repoñer as tuberías.


Nas últimas semanas, e xa de cara ao inicio deste curso, o Concello de Silleda procedeu tamén ao pintado de aulas e outras tarefas de limpeza e mantemento. No caso do CEIP de Silleda pintouse toda a planta de administración, inluidos os pasillos, a aula de informática e o teito do comedor, moi afectado polas filtracións de auga. Tamén se dotou ao centro dun novo equipo informático e ser arranxaron persianas.


“Dende o Concello de Silleda cumplimos ca nosa labor e agardamos que as actuacións que se precisan no ámbito educativo no noso municipio se materialicen no menor prazo posible”, indica o alcalde Manuel Cuiña.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page