top of page

A Xunta inviste 24.000 euros no centro de limpeza e desinfección de vehículos de Agolada

Este Concello será o encargado de contratar o persoal, establecer as tarifas, efectuar o mantemento das instalacións e expedir o certificado pertinente


Laura Moure/Agolada

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Agolada para a xestión do seu centro de limpeza e desinfección de vehículos de transporte no sector gandeiro. O obxectivo deste convenio é establecer as condicións de xestión para a súa explotación, conservación e mantemento por parte do mencionado municipio.

Autor: Ecos da Comarca.

A normativa de sanidade animal establece a obriga xeral de limpeza e desinfección de todos os vehículos ou medios empregados no transporte dos animais de produción, unha vez realizada a descarga no centro de limpeza e desinfección máis próximo habilitado. Este centro deberá expedir un certificado do traballo realizado. Neste senso, resulta imprescindible a promoción das actividades destes centros, co obxecto de asegurar o establecementos de medidas preventivas en materia de sanidade animal.


A través deste convenio, o Concello de Agolada será o encargado de contratar o persoal necesario para a prestación do servizo, establecer as tarifas a satisfacer polos usuarios, efectuará o mantemento das instalacións e expedirá o certificado pertinente trala realización da limpeza e desinfección.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural achegará ao Concello o importe definido en concepto de contraprestación pola realización de labores de apoio ao mantemento dos estándares de sanidade animal. Así mesmo, facilitará o asesoramento técnico preciso para que o Concello poida mellorar as condicións do servizo. Neste sentido, o departamento autonómico financiará parcialmente o custo da xestión deste centro, sendo a achega total de 24.000 euros, a razón de 6.000 euros para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page