Laura Moure/Agolada/Palas de Rei
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, tras a ampliación de crédito realizada hai unhas semanas. Deste xeito, un total de 33 concellos recibirán apoios por importe de 2,5 millóns de euros. Das comarcas figuran nesta listaxe Agolada e Palas de Rei.
A ampliación permite que as axudas cheguen a catro novos concellos -Cabana de Bergantiños, na Coruña, recibe 120.000 euros para a mellora de accesos; Palas de Rei en Lugo contará con 28.328,98 euros para a mellora do firme; Agolada en Pontevedra obtén 119.983,60 euros para as infraestruturas viarias; e O Pereiro de Aguiar en Ourense mellorará a vía de acceso noroeste cunha axuda de 38.587,14 euros-. Ademais, Noia suma unha segunda axuda para o polígono de Augalevada que se vai destinar ao punto limpo (44.213,43 euros) e, finalmente, amplíase ata os 120.000 euros a axuda que xa estaba concedida ao concello das Somozas para a pavimentación da vía principal.
Estas axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto -podían presentarse dúas solicitudes por Concello-, están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.
Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia. Neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Os interesados poden obter máis información no enlace:
Commentaires