top of page

A Xunta imparte formación aos empresarios de Deza en materia de igualdade laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou este martes desde Santiago de Compostela nunha webinar coa Asociación de Empresarios de Deza


Laura Moure/Deza

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou este martes desde Santiago de Compostela nunha webinar dirixida á Asociación de Empresarios de Deza na que informou sobre os recursos dos que dispón a Xunta para facilitar a empresas e traballadores a implantación de medidas para avanzar cara á igualdade laboral.


Elena Mancha.

A Xunta está a desenvolver un completo plan formativo que con actividades como esta, permite afondar nas obrigacións que esixe a lexislación vixente para poñer en marcha o rexistro e a auditoría, a revisión da estrutura salarial interna da empresa ou as vantaxes de implantar Plans de Igualdade nas pequenas e medianas empresas. A Consellería de Emprego e Igualdade está a axudar ás empresas a emprender o camiño cara ao novo marco, poñendo énfase na formación e nos apoios para a adaptación das organizacións á normativa e estender ás organizacións ferramentas como o rexistro de retribucións por sexo.


Pioneira en formación

Mancha puxo en valor, entre outras medidas, o curso de formación que a Administración autonómica impartirá entre o 11 de maio e o 1 de xuño para axudar ao tecido empresarial a adaptarse á nova normativa estatal en materia de igualdade. Trátase dunha iniciativa na que Galicia é pioneira e que foi deseñada no seo do Diálogo Social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo.


O próximo 18 de maio celebrarase ademais o 2º webinar práctico sobre a elaboración do rexistro retributivo nas empresas que obriga á inclusión dos valores medios dos salarios, complementos salariais e percepcións extra salariais desagregados por sexos, e a obtención das medias aritméticas e as medianas. A formación reedítase dado o éxito da primeira convocatoria prevista para o 11 de maio que esgotou as prazas con 500 persoas inscritas.


A directora xeral, así mesmo, avanzou que nas próximas semanas a Xunta convocará axudas por 2,6 millóns de euros para fomentar nas empresas galegas a implantación de plans de igualdade, o teletraballo e a flexibilidade horaria e sinalou que a igualdade de oportunidades supón unha mellora da competitividade das empresas, tal e como o demostran numerosos estudos.


Apuntou, ademais, que a Xunta está fomentando políticas de emprego e igualdade tendo presente a mellora do emprego feminino, “xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas”. Mancha indicou que na Xunta de Galicia “estamos convencidos de que a igualdade é futuro, avance e xustiza social” e matizou que “o Goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page