Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Xunta financiará obras de mellora na escola infantil de Silleda valoradas en máis de 23.000 euros

Impermeabilizarase parte da cuberta e mellorarase o patio exterior de xogos, entre outras actuacións


Laura Moure/Silleda

Xunta financiará obras de mellora valoradas en 23.300 euros na escola infantil de Silleda, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este xoves o centro para dar conta das actuacións previstas e estivo acompañado polo alcalde silledense, Manuel Cuíña.

Os traballos consistirán en impermeabilizar o encontro das cubertas na zona das aulas de 2-3 anos e na substitución dos biombos ou tabiques móbiles das aulas 1-2 e 2-3 anos por tabiques lixeiros con illamento exterior acústico e porta de paso corredoira de madeira. Tamén se actuará no patio exterior de xogos, coa colocación dunha nova varanda de separación e a reposición de caucho continuo e de céspede artificial.

O xerente do Consorcio explicou que estas melloras, que foron postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión tanto dos servizos técnicos do Consorcio como dos municipais, non afectarán ao correcto funcionamento da actividade do centro, pois acometeranse preferiblemente fóra do horario escolar. A súa execución correrá a cargo do Concello e serán financiadas polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público. Perfecto Rodríguez enmarcou esta intervención nas obras de mellora e mantemento que se desenvolven de maneira permanente nos centros que dependen do Consorcio, co obxectivo de que “estean en bo estado e que as familias teñan á súa disposición as mellores instalacións”. Ao respecto, avanzou que na escola de Silleda está prevista unha segunda fase de obras que afectarán ao interior do inmoble e que se levarán a cabo durante os meses de verán para non entorpecer o normal desenvolvemento das actividades no centro.


Atención educativa de balde

Na actualidade, a escola infantil de Silleda presta servizo ás familias de 66 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. A partir do vindeiro curso, 2022-2023, a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, logo de que o Goberno galego estendese tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa gozaban os segundos fillos e sucesivos.

Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio.

128 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE