Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Xunta executará ou activará 1,4 M€ en investimentos nos vindeiros meses en Rodeiro

Laura Moure/Rodeiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este luns que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 1,4 millóns de euros nos vindeiros meses no concello de Rodeiro, segundo se analizou na sesión mensual de setembro da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada hoxe no municipio de Camba.

“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Rodeiro, e tras investir recentemente na estrada cara Agolada, a parcelaria, o pavillón, a biblioteca ou o centro de saúde, xa traballamos nunha decena de actuacións máis, apostando de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos veciños”, explicou o representante autonómico.

O delegado territorial, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido na Casa do Concello de Rodeiro polo alcalde, Rubén Quintá, e por outros membros do goberno local e agradeceu a acollida no municipio, onde foi rexedor durante case dez anos, para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.

No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín e Pontecesures.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria da pandemia da Covid-19 e a próxima inoculación da cuarta dose da vacina, o estado dos centros educativos con motivo do inicio do curso académico, os aspectos turísticos en materia de axudas, da reactivación do Bono Turístico 2022 e da recta final do Xacobeo ou os niveis de emprego e outras cuestións de índole socioeconómica, entre outras. Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 1,4 millóns de euros que se adicarán ao Concello de Rodeiro nos vindeiros meses, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

No caso de Rodeiro, as próximas actuacións pasan pola mellora de pistas rurais con 120.000 euros dos plans Marco e PIR, o remate da redacción do proxecto para a dotación do saneamento con EDAR, colector e nova red, o obradoiro de emprego Freixo II compartido con Dozón e Agolada que supón 504.000 euros, as próximas obras de modernización do CPI Plurilingüe, que superarán os 300.000 euros, ou os máis de 330.000 euros para obras diversas e equipamentos coas partidas do Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde de infraestruturas de uso público, entre outras.

Así mesmo, Luis López tamén destacou que Rodeiro se está a beneficiar de diversos investimentos de carácter social, como a gratuidade dos desprazamentos en autobús coa Tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos, que se empregan principalmente para asistir ás clases nos institutos de Lalín, as accións de conciliación a través de campamentos e outras actividades, os numerosos eventos e espectáculos financiados pola Consellería de Cultura e o Xacobeo e que chegarán ata finais de ano ou o programa Xantar na Casa para os maiores do municipio.

41 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE