top of page

A Xunta e o Concello palense avalían o proxecto municipal para mellorar a pista multideporte do CEIP

Ambas administracións analizaron tamén o estado de tramitación do proxecto de ampliación do parque empresarial, para o que o Executivo galego reserva máis de 800.000 euros nos orzamentos do próximo ano


Laura Moure/Palas de Rei

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, mantiveron recentemente un encontro no que abordaron o proxecto municipal para mellorar a contorna da pista multideporte do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da localidade.


A representante da Xunta e o rexedor lucense avaliaron o establecemento dunha posible colaboración entre as dúas administracións coa finalidade de executar distintas actuacións como a creación dunha explanada de formigón e a instalación dunha beirarrúa no seu perímetro. Os traballos tamén incluirían a mellora dos xardíns da contorna e a instalación de distinto mobiliario urbano como unha fonte ou varios bancos.


Publicidade

Nesta liña, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de que este proxecto encaixe nos obxectivos do chamado plan Hurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2010 e que, precisamente, ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar actuacións deste tipo que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% das actuacións e o concello o 30% restante.


Publicidade

Este plan, que en 2024 contará cun orzamento de máis 8 millóns de euros, pretende apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde a súa posta en marcha este programa de apoios mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.


As partes tamén analizaron outras cuestións como o estado do proxecto de ampliación do parque empresarial de Palas de Rei. As partes coincidiron na vontade de avanzar o máximo posible nos trámites para executar a fase III do parque e poder poñer así o antes posible novos terreos a disposición do tecido empresarial da zona, o que daría un importante impulso económico a toda a contorna.


Publicidade

Unha vez superados os atrancos impostos polo Goberno central que mantiveron paralizado o proxecto durante un ano e tras contar cos informes preceptivos favorables, a tramitación pasa agora pola expropiación dos terreos para poder acometer a ampliación. De feito, esta é unha das 22 actuacións en parques empresariais previstas pola Xunta para 2024 e conta cun orzamento de máis de 800.000 euros.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page