Estes están repartidos en 19 brigadas e 14 motobombas
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, dispón este verán dun operativo de prevención e extinción de lumes forestais nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes conformado por máis de 150 efectivos distribuídos en 19 brigadas e 14 motobombas.
Este dispositivo, que foi posto en marcha o pasado mes de xullo ante a chegada da época
de alto risco de incendios, foi visitado este xoves polo delegado territorial da Xunta en
Pontevedra, Luis López, xunto ao alcalde da Estrada, José López, na base comarcal do
servizo na parroquia estradense de Codeseda. “Dende a Xunta de Galicia investimos unha cantidade moi importante, como cada ano, en prevención e extinción de lumes forestais, pero cremos que é máis que necesario para protexer as vidas e as vivendas dos veciños, as infraestruturas de todos e os nosos valiosos montes e natureza”, sinalou o representante autonómico.

Luis López destacou a amplitude de efectivos e medios materiais e a calidade dos
recursos que se empregan neste servizo nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes: “Esta
contorna do interior da zona norte da provincia, xunto coas comarcas sureñas do Condado
e A Paradanta son as máis sensibles, as de maior risco e as de incidencia máis elevada e
por iso estamos plenamente volcados en dispor dun operativo de primeiro nivel, algo
habitual en todo caso en toda Galicia como se puido comprobar recentemente cando
ofrecemos a nosa axuda para colaborar no gran lume que houbo en Ávila”.
O operativo deste verán para a zona conta con 13 brigadas autonómicas e outras seis
conformadas a través de convenios cos concellos interesados. Entre estas figuran dúas
nos municipios da Estrada e Cerdedo-Cotobade e unha en Lalín e Forcarei. Ademais,
tamén se dispón de 14 motobombas, seis xestionadas pola Xunta e outras oito en
colaboración cos concellos, das que catro operan principalmente na bisbarra de Deza e
outras tantas na de Tabeirós-Terra de Montes, aínda que o servizo é transversal para toda
a zona se fora necesario pola magnitude dalgún lume.
Así, entre o persoal das brigadas e os condutores dos vehículos están en funcionamento
máis de 150 efectivos, aos que hai que engadir o centro de coordinación do distrito
forestal, os dous postos de vixilancia nos cumios da Serra do Candán e do Couto de San
Sebastián e a base de helicópteros de Silleda. A isto, súmanse outros efectivos técnicos e
forestais e as posibilidades que ofrece a rede permanente de infraestruturas, centrada
principalmente nos puntos de recollida de auga.
Comments