A medida garante un alto rendemento enerxético e unha redución de 19,33 toneladas de dióxido de carbono anuais
Laura Moure/Silleda
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello de Silleda para realizar obras de mellora enerxética na nova Casa do Concello silledense. Ao abeiro da iniciativa, a Xunta destinará 249.515 euros á instalación e adaptación do edificio consistorial á rede de calor con biomasa existente na localidade. Deste xeito, o Goberno galego financia máis do 80 % do custo total do proxecto, superior aos 303.000 euros. A actuación vai permitir a conexión da nova Casa do Concello á rede de calor District Heating executada en 2021 con fondos Feader.

O obxectivo é garantir un alto rendemento enerxético nun edificio eminentemente solar e que apenas precisará enerxía para o seu funcionamento. Así, prevese unha redución de 19,33 toneladas de dióxido de carbono anuais. Segundo o proxecto da obra, instalarase maquinaria específica como intercambiadores de calor, bombas e unidades de renovación de aire, ademais de distintos sistemas como chan radiante, puntos de abastecemento de auga quente e climatización. Habilitaranse tamén lugares en que albergar as instalacións e realizaranse obras de mellora do sistema de illamento térmico exterior.
O convenio de colaboración enmárcase no apoio da Xunta aos concellos en materia de desenvolvemento sustentable. Nesta mesma liña, invístense neste ano 11,3 millóns de euros no Fondo de Compensación Ambiental para financiar os custos de funcionamento e equipamentos dos servizos municipais relacionados coa protección do medio. Trátase tamén de facilitar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego, de xeito que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia, a prol da calidade ambiental e da prevención e mitigación de efectos adversos sobre o medio natural.
Comments