top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta destaca as novas medidas implementadas este ano para frear a expansión da avespa velutina dun xeito planificado e coordinado en toda Galicia

O plan, acordado coa Fegamp en 2020, conta este ano por 1ª vez coa adhesión dos 313 concellos e permite a retirada dos niños por parte de Seaga -só en 2023, máis de 29.500-


Laura Moure/Xeral

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, visitou este martes este concello coruñés, onde se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina. Estes labores enmárcanse dentro das novas medidas executadas este ano pola Xunta de Galicia para facer fronte a esta especie invasora.


José González remarcou que o Goberno autonómico leva realizado un inxente traballo para combater a avespa velutina, apoiándose no programa autonómico acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -ao que este ano están adheridos os 313 concellos galegos-. “Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e retiramos, a través de Seaga, máis de 29.500 niños”, lembrou o titular do Medio Rural en funcións. Con todo, ante a evolución da presenza deste insecto en Galicia, José González destacou o compromiso da Xunta para “seguir avanzando” en coordinación cos concellos, axentes do territorio ou os investigadores.


Así, salientou que estas novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da

velutina na nosa comunidade contan con catro eixos de actuación -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación e investigación-, que se desenvolverán ao longo

de todo o ano nas catro provincias galegas.


Sobre o trampeo, “selectivo, planificado e coordinado”, o titular do Medio Rural en funcións explicou que a súa instalación comezou en concellos das provincias de Coruña e Pontevedra para avanzar a continuación, xa esta mesma semana, por Lugo e Ourense. Este labor é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade, e está sendo desenvolvido apoiado nun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta.


O conselleiro cualificou os traballos fronte a expansión da velutina como “unha loita

conxunta, na que cremos que temos que estar todos” e apostou polo trampeo e polo seguimento da captura de raíñas como “un paso necesario” para afondar no control desta

especie invasora. Engadiu que neste proceso “estamos seguindo estritamente os criterios

técnicos e as recomendacións que nos están dando, dende un punto de vista científico” e

que “as trampas son as mellores dispoñibles no mercado” para estas tarefas. Os dispositivos, remarcou, colocaranse “naqueles puntos xeolocalizados que máis nos interese” para facer fronte, de xeito efectivo, a este problema.

Un niño de velutina nunha árbore.

A medida atende unha das principais demandas do sector apícola e permite facer un

seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na

aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de xeito

continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos

poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema, explicou esta

mañá en Porto do Son o conselleiro en funcións.


O trampeo céntrase agora na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na

procura de alimento a construír os primeiros niños. José González adiantou que o traballo

que se realizará nos meses de outono e inverno terá por obxectivo a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os

primeiros abáboros.


Aposta pola formación e a investigación científica

Por outra parte, neste 2024 adiantouse a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño, ademais de incidirse na formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación.


Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para

coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.


Publicidade

Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia

O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa

pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e

 Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira

da totalidade dos 313 concellos galegos.


Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos

concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de

Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que

foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios

para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material

informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria.


A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á

Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño

de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun

servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén

implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é

empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de

xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.






0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page