O conselleiro de Medio Rural remarca que todas estas figuras, xunto coas parcelarias, están permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia
Laura Moure/Xeral
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na clausura do proxecto de cooperación “Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas”, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Nesta iniciativa colaboran os tres grupos de desenvolvemento rural (GDR) Comarca de Lugo, Pontevedra Norte e Asdecomor (integra varios concellos do interior da provincia da Coruña).
Na súa intervención, o titular de Medio Rural puxo en valor este instrumento dentro da
“caixa de ferramentas” que proporciona a Lei de recuperación da terra agraria, unha norma que definiu como “toda unha chave mestra” nesta materia. Así, subliñou que as permutas súmanse a outras iniciativas amparadas por este texto legal, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.
Centrándose nas permutas, o conselleiro lembrou que en febreiro pasado poñía de relevo
na localidade luguesa de Friol tres proxectos de reestruturación da propiedade mediante
esta ferramenta. Na mesma liña, salientou que estas iniciativas están predispostas para a
súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de
múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira.
Publicidade
Libre acordo entre propietarios
Ademais, José González salientou que estas permutas –declaradas de especial interese
agrario– facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas nese mesmo concello
lucense e que son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu
intercambio. Así mesmo, fixo fincapé en que todo este proceso faise de xeito consensuado, bilateral e recíproco, porque, ante todo, “estas son características básicas
na materialización desta ferramenta”, remarcou. Por todo o dito, trasladou o conselleiro, a
posta en marcha desta figura non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura
das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a
idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos
que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A
Estrada e Ordes.
A maiores, José González incidiu na idoneidade das permutas para mobilizar terras en
zonas con características diferentes, nas que non existen problemas nin de identificación
da titularidade do parcelario nin necesidade de máis infraestruturas viarias. Áreas,
ademais, todas elas marcadas por unha fortísima actividade gandeira (sobre todo, de
gandaría de leite), engadiu.
Neste contexto, o conselleiro reafirmou a aposta da Xunta pola recuperación da terra
agraria e destacou que as figuras da devandita lei, xunto coas parcelarias, están
permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. Así, fixo fincapé en que
entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa
comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando
máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade.
Publicidade
En canto ás figuras da Lei de recuperación propiamente ditas, o conselleiro anunciou que
en breve rematarán os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo –que xa
suman 21–, completando o desenvolvemento de actividade agrogandeira na súa
totalidade. Do mesmo modo, González avanzou que en 2024 aprobaranse os pilotos dos
plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros
espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer
uso das instalacións e “probar” as súas ideas de negocio con todas as garantías.
Publicidade
Primeiros polígonos
En parecidos termos, o conselleiro recordou que actualmente están en diferentes fases de
execución un total de 26 polígonos agroforestais e subliñou que no vindeiro ano poranse
en funcionamento os primeiros -licitándoos para aluguer ou venda-. Reiterou, ademais, o
compromiso da Xunta de axilizar estes procesos o máximo posible.
Como grandes obxectivos de todas estas actuacións, José González falou de recuperar
terra, mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a rendibilidade das
explotacións galegas, demandantes de máis e mellor base territorial.
Para a materialización de todas estas figuras de mobilización, o conselleiro puxo en valor a
colaboración que prestan os grupos de desenvolvemento rural, unha cooperación que ten
a súa contrapartida por parte da Xunta, con medidas como a recente achega aos GDR de
máis de dous millóns de euros para aplicar unha estratexia de desenvolvemento local na
medida Leader.
O Sistema nace morto e pouco práctico. Vendese unha política para elites da cidade pero que non aporta riqueza.