Está programada para febreiro de 2022 e aspira a mellorar as cifras da anterior edición e consolidarse como referente nacional e internacional no eido da transición enerxética
Laura Moure/Silleda
O Consello da Xunta acordou, na súa reunión deste xoves, a sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Semana Verde de Galicia (Silleda) para apoiar a celebración da terceira Feira da Enerxía de Galicia, que se realizará en febreiro de 2022. Froito deste convenio, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Inega, achega 80.000 euros (o 75,5% do orzamento previsto para a súa organización) para contribuír á consolidación deste evento como un dos referentes a nivel nacional e internacional no eido da transición enerxética.

Centrado nos sectores da eficiencia enerxética, as enerxías renovables -eólica, solar, xeotérmica, hidráulica e gases renovables-, o almacenamento e o autoconsumo, preténdese acadar un dobre obxectivo: constituírse como gran evento do sector, así como achegar un mellor coñecemento do ámbito enerxético galego, a través da promoción da estrutura empresarial e produtiva, pero tamén fomentando a conciencia social e promovendo boas prácticas no uso enerxético.
O convenio inclúe desde campañas de promoción e mellora dos servizos, a programas de captación de visitantes e de formación. A maiores o Inega facilitará asesoramento e apoio
técnico e colaborará na organización e confección do calendario e das actividades. Agárdase superar os datos obtidos na última edición, celebrada no ano 2018, cando se
reuniron un total de 255 firmas de 20 países (preto dun 6% máis que na primeira edición) e
coa asistencia de 6200 visitantes (un 13% máis que na primeira feira).
Deste xeito, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co fomento, impulso e
realización de iniciativas para a investigación, desenvolvemento, aplicación e divulgación
das tecnoloxías enerxéticas co fin de conseguir unha óptima xestión dos recursos enerxéticos e un maior coñecemento por parte da sociedade e das empresas.
Que prime o aforro
No contexto enerxético actual, os países están buscando patróns de produción e consumo
que primen un aforro e eficiencia enerxética que sexa compatible coa sustentabilidade do
planeta, nun momento, ademais, que coincide cunha escalada de prezos na factura
enerxética que está supoñendo un obstáculo á competitividade empresarial e tamén está
xerando dificultades económicas nos fogares.
Por iso, desde a Xunta estanse a deseñar e activar medidas que axuden a conter esta
situación como é o caso das novas axudas para autoconsumo e almacenamento
enerxético -cuxo prazo de solicitude se abre hoxe- e que contará con preto de 20M€ para
as empresas, con aforros estimados de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas. Tamén destacan as axudas do Bono Social Eléctrico galego que a Xunta ampliou este ano
ata os 2,1M€ para garantir o servizo nos fogares con máis dificultades. No que vai de
2021, os apoios xa concedidos están permitindo axudar a máis de 4500 familias. Continúa,
ademais, a campaña informativa de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a
nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno.
Comments