Rueda resalta que o período de solicitude de praza para o vindeiro curso nos centros da rede pública autonómica abrirase o vindeiro sábado, día 16 de marzo
Laura Moure/Xeral
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, avanzou este xoves que o Goberno autonómico “abrirá a vindeira semana” o período de solicitude de praza nas escolas infantís 0-3 da rede pública, “formada por 10.500 prazas nun total de 175 escolas infantís” repartidas polas catro provincias. Entre as novidades do vindeiro curso está, segundo resaltou, que os nenos con pais traballadores terán “aínda máis preferencia” á hora de acceder a este servizo xa que obterán máis puntuación no baremo total.
En concreto, o prazo de solicitude estará aberto do 16 de marzo ata o 5 de abril e as familias poderán presentar as súas peticións preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta, ou ben, a través de calquera rexistro oficial. A adxudicación definitiva de prazas publicarase o 31 de maio, momento en que se abrirá o período de matriculación.
Publicidade
Tal e como explicou Rueda, no vindeiro curso, modifícase a baremación para darlle máis puntos a aquelas familias nas que os proxenitores traballan, xa que son estas as que teñen máis necesidade dun servizo de conciliación como son as escolas infantís 0-3. No curso actual, cada proxenitor que traballa recibe 7 puntos na baremación, e no vindeiro cada un deles recibirá 8 puntos. Polo tanto, unha familia na que traballan os dous proxenitores pasará de obter 14 puntos a 16.
O resto da baremación seguirá igual, é dicir, continuará dándose máis prioridade ás familias con máis membros, especialmente ás familias numerosas; ás familias monoparentais; e a aquelas en risco de exclusión social e con baixos ingresos.
Publicidade
Gratuidade
O presidente resaltou que este será “o terceiro curso” no que a atención educativa de 0 a 3 anos “será totalmente gratuíta” tanto nos centros que dependen da Xunta como nos municipais, nos de titularidade privada e nos de iniciativa social. A Xunta inviste 60 millóns de euros cada curso, sen apoio do Goberno central, para que máis de 31.000 familias galegas poidan beneficiarse da gratuidade, o que supón un aforro por fillo duns 2.000 euros anuais. Grazas ao programa de gratuidade, Galicia é a comunidade de España coa maior taxa neta de escolaridade na etapa 0-3 cun 56,4%, dez puntos superior á media española.
Comentários