A Xunta avoga en Palas de Rei pola dinamización das mesas locais contra a violencia de xénero
- Laura Moure
- 30 may 2023
- 1 Min. de lectura
Ademais, intensifica a oferta formativa dirixida a estes órganos
Laura Moure/Palas de Rei

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tomou parte nunha nova xuntanza semestral da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero de Palas de Rei na que, ademais da Xunta, está representado o Concello, e representantes locais do eido da sanidade, policial, educativo, de servizos sociais e do Centro de Información á Muller.
No curso do acto subliñou a relevancia destes órganos que a Xunta está a dinamizar, como claves na loita contra a violencia de xénero e na detección de posibles casos.
Na xuntanza de hoxe presentouse o traballo previsto por este órgano para o ano en curso que, entre outras medidas, abrirá un espazo de diálogo para compartir as necesidades e planificar novas intervencións no ámbito da prevención e a loita contra a violencia de xénero.
López Abella destacou a oferta formativa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a reforzar, coa celebración das primeiras xornadas en Palas de Rei, “onde xurdiron numerosas propostas”. “A Xunta de Galicia está a intensificar a formación dirixida ás mesas de coordinación, contactando con todos os Concellos, con éxito de participación nos lugares onde xa celebramos estes encontros e unha acollida moi positiva”, indicou.
Comments