Está reorganizando unha superficie de case 1.000 hectáreas, repartidas en máis de 8.300 parcelarias iniciais propiedade de 575 veciños
Laura Moure/Vila de Cruces
A Consellería do Medio Rural segue traballando na zona de concentración parcelaria de Brandariz-Obra-Sector Brandariz, no concello de Vila de Cruces, co inicio das obras correspondentes á rede principal de camiños. A execución destes traballos ten un orzamento consignado de 1,1 millóns de euros e unha duración estimada de ano e medio, é dicir, ata o mes de xullo de 2023.
Esta parcelaria, que está actualmente en fase de bases definitivas, está reorganizando unha superficie de case 1.000 hectáreas, repartidas en máis de 8.300 parcelarias iniciais propiedade de 575 veciños. Coa posta en marcha deste proceso, búscase unha mellora da estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
Para este ano 2022, a Xunta ten un orzamento duns 12 millóns de euros para seguir traballando nos procesos de concentración parcelaria, posto que son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero en 57 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas, e outros cinco que se decretaron no ano 2021 nos concellos de Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei.
Ademais, a través da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Precisamente, xa se declarou o inicio dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública en Galicia, concretamente nos municipios ourensáns de Oímbra e Cualedro.
Comments