top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta amosa os avances da última intervención no xacemento da Ciadella cunha visita guiada hoxe

O percorrido para coñecer os traballos de posta en valor das estruturas de Sobrado será ás 12,00 horas e para asistir cómpre reservar no teléfono 981 787 508


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

A Xunta de Galicia amosará os avances da última intervención impulsada no xacemento romano da Ciadella, en Sobrado dos Monxes, nunha visita guiada que terá lugar este sábado, ás 12:00 horas a cargo da empresa responsable dos traballos. Trátase dun percorrido para coñecer a posta en valor das estruturas arqueolóxicas dos Principia e da Via Principalis do forte e para asistir cómpre reservar a través do teléfono 981 787 508.


Nesta actuación a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega 200.000 euros no marco do programa Feder Galicia 2014-2020 e eleva o investimento do Goberno galego neste ben a preto de 600.000 nos últimos seis anos. En concreto, a intervención iniciouse a finais do pasado ano coa escavación do xacemento para, unha vez rematada esta fase no mes de febreiro, comezar os traballos de consolidación e restauración das estruturas arqueolóxicas coa finalidade de favorecer a súa conservación e protección e tamén para facilitar a súa comprensión aos visitantes que se acerquen ao xacemento. Está previsto que o proxecto remate en verán co acondicionamento e limpeza do xacemento para, finalmente, sinalizar o espazo mediante cartelería e fitos informativos para que os visitantes poidan realizar unha visita auto guiada.


Actuación

Así, nesta ocasión o obxectivo é realizar unha intervención integral de posta en valor dunha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas situadas no sector central do campamento romano de Ciadella no que, en boa parte del, xa se desenvolveron diversas actuacións arqueolóxicas. Para iso, no transcurso dos traballos estase a actuar sobre os denominados Principia, unha edificación duns 1000 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, e a Via Principalis, arteria viaria principal no interior do campamento romano.

As escavacións levadas a cabo durante a primeira fase da actuación permitiron localizar numerosos restos e obter máis información do forte militar. En concreto, foron descubertos os muros delimitadores de varias edificacións na Via Principalis e unha lápida funeraria romana que se conserva en perfecto estado e na que se pode ler o texto da dedicatoria que fai unha nai ao seu fillo morto aos 9 anos, 6 meses e 9 días.


Por outro lado, a intervención tamén serviu para definir con maior claridade os diferentes sectores nos que se divide o cuartel xeral e localizar un muro na fachada occidental do edificio que permite comprender mellor toda a estrutura. Estes descubrimentos súmanse aos feitos nas últimas campañas realizadas pola Administración autonómica na Ciadella nas que saíron á luz importantes restos e pezas de cerámica destacando a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións.

34 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page