top of page

A Xunta activa as axudas do segundo plan de rescate dirixidas a autónomos e microempresas

Poderán solicitarse a partir de mañá

Laura Moure

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da liña xenérica de axudas dirixidas a traballadores autónomos e microempresas do segundo Plan de Rescate co que a Xunta quere acompañar aos empresarios nesta nova fase da pandemia. A orde de axudas dirixida especificamente aos establecementos hosteleros e outros negocios pechados polas medidas sanitarias desde xaneiro, como ximnasios ou parques infantís, publicarase no DOG o vindeiro luns.


O segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada hoxe, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao texido empresarial, posto que o primeiro Plan de Rescate estivo dotado con 86 millóns de euros.


Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste modo, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros. As persoas traballadoras autónomas e microempresas poderán solicitar os apoios desde mañá venres, e durante o prazo dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.


Autónomos

Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. As contías serán máis elevadas para os empresarios que teñan máis caídas na facturación. Así, establécese un baremo a partir de 1.200 euros para baixadas na facturación de entre o 45% e 60%; 2.000 euros (entre o 60% e o 70%) e de 3.000 euros nos casos máis graves (caída do 70% ou máis).


Microempresas

Para microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, os apoios irán dos 4.000 aos 9.000 euros. Tamén neste caso adáptanse as contías en función das pérdidas: 4.000 euros (de -45% a -60%), 5.000 euros (entre -60% y -70%) e 6.000 euros (-70% ou máis). Estas cantidades incrementaranse de acordo co número de persoas traballadoras ao cargo, percibindo os empresarios 1.000 euros a maiores se contan de catro a nove empregados; 2.000 euros máis en negocios entre 10 e 20 empregados e 3.000 euros con planteis de 21 a 25 persoas.


Novidades

Como novidade, o goberno galego, pola situación económica da Covid-19, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que contraeron pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de 15 días. Os empresarios que estén á corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago. Deste modo, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional habida conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen perxuízo de que teñan que cumprir cos seus deberes tributarios e coa Seguridade Social. O goberno galego segue acompañando coas axudas directas aos empresarios que se enfrontan con maiores dificultades esta fase da pandemia. Cos apoios preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego. Por este motivo elimináronse requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou haber tido ERTE desde o inicio da pandemia.


Dúbidas

A Xunta, ademais, para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade ten activa a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es para informar en todo momento das novidades. A app pódese descargar para teléfonos con iOS neste enlace e para Android neste enlace. ambos están dispoñibles na páxina web de Gohu. A tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de maneira áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que finalice o prazo de solicitude, como ocurreu co primeiro plan. O luns a Xunta completará a activación do segundo Plan de rescate, coa convocatoria no DOG da nova liña de axudas automáticas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes...), dotada con outros 15 millóns de euros. Ao ser compatible coas de autónomos e microempresas, a contía máxima a percibir polos negocios no segundo plan poderá elevarse ata os 15.700 euros.


Toda a información sobre estas axudas no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210218/AnuncioG0599-170221-1_gl.html

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page