top of page

A restauración forestal nos montes de Bermés contribúe a compensar a pegada de carbono de Inasus

O monte veciñal desta parroquia lalinense forestou 30,5 hectáreas desarboradas

con piñeiro do país, castiñeiros e outras frondosas caducifolias


Laura Moure/Lalín

A empresa lalinense Inasus, unha firma de referencia a nivel internacional no deseño, enxeñaría e montaxe de fachadas, está a impulsar a compensación voluntaria da súa pegada de carbono a través dun proxecto de restauración forestal. En concreto, Inasus adquiriu unha parte das toneladas equivalentes de CO2 que está a captar da atmosfera un proxecto de restauración ambiental promovido pola comunidade de montes veciñais de Bermés, no monte Carrio (Lalín).


A comunidade de montes veciñais de Bermés iniciou no 2014 a forestación dunha zona que estivera desarborada cando menos desde o ano 1989, o que lle permitiu a posterior inscrición do proxecto no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica.

A restauración ambiental iniciouse coa plantación dunha masa de 20,7 hectáreas de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), á que se sumaron nos últimos anos 7,4 hectáreas de castiñeiro e 2,4 hectáreas doutras frondosas caducifolias (carballos e bidueiros). O compromiso da comunidade de montes é que ese arborado permaneza en pé un mínimo de 40 anos, periodo no que captará arredor de 7.500 toneladas de CO2 equivalente da atmosfera.


Unha parte das toneladas de CO2 equivalente que está previsto captar, arredor de 1.300, xa quedaron dispoñibles para a súa comercialización, o que permitiu pechar un contrato de colaboración entre Inasus e a comunidade de montes.


Publicidade

Neutralidade en carbono en Inasus no 2025

A empresa Inasus está acometendo de xeito voluntario un plan de redución e compensación da súa pegada de carbono, co obxectivo de ser neutra en emisións de carbono no ano 2025. Para compensar a súa pegada de carbono, Inasus estaba interesada en apoiar proxectos ambientais na comarca de Deza, o que propiciou unha colaboración plurianual a tres anos (2022 – 2025) coa comunidade de montes veciñais de Bermés (Lalín).


Os fondos que Inasus lle aportará á comunidade de montes de Bermés permitirán apoiar os traballos de mantemento das masas forestais, nas que xa se teñen feito traballos de reposición de marras e rozas. Nos próximos anos está previsto que se acometan tamén podas e rareos, de acordo coa plan forestal da comunidade aprobado pola Administración.


Deste xeito, avánzase no obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas, contribuíndo así á restauración ambiental dunha zona degradada.


Publicidade

Colaboración da Asociación Forestal de Galicia

O proxecto de restauración promovido pola comunidade de montes veciñais de Bermés contou co apoio técnico e coordinación da Asociación Forestal de Galicia (AFG).


A iniciativa está incluída dentro do programa Galicia Rexenera, impulsado pola AFG. O obxectivo de Galicia Rexenera é a captación de financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2. Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, así como promover a reforestación daquelas superficies que se atopan rasas dende antes de 1990.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page