A concelleira Pili Peón, representou á entidade local nos actos centrais celebrado este sábado nesta localidade francesa, na que un grupo de silledenses está a convivir
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda estivo presente esta fin de semana no encontro europeo sobre sustentabilidade que se está a celebrar dende a pasada semana na localidade irmá de Canejan, situada no rexión francesa da Gironda. A concelleira de Medio Ambiente, Pili Peón, incorporouse esta fin de semana á expedición silledense que está a convivir ca veciñanza de Canejan dende o pasado luns, para representar a Silleda nos actos oficiais
que se celebraron este sábado.
Na súa intervención, Peón lembrou que a relación con Canejan comezou en 2016, un ano antes de formalizarse o irmandamento, buscando sinerxias comúns “que favorezan a Cooperación municipal directa nunha clara orientación cara ao desenvolvemento local sostible e o fortalecemento institucional público”.
Ademais de lembrar algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostitble (ODS) “que supoñen non deixar atrás a ningúen aunando desenvolvemento económico, social e ambiental”, a concelleira silledense citou algúns dos retos aos que se enfrenta a UE, e destacou que os irmandamentos “serven para estimular a cooperación transnacional
dende unha perspectiva local”.
No tocante ás actuacións locais, no encontro cada un dos representantes das localidades presentes expuso distintas actuacións e experiencias. Peón destacou o fito que supuxo para Silleda contar ca primeira Rede de Calor con biomasa de carácter público-privado de Galicia, cun investimento que supera o millón de euros e que se materializou en dúas fases, supoñendo un destacado aforro no consumo enerxético, entre outros.
A concelleira tamén lembrou actuacións realizadas con fondos europeos coma o caso da obra de mellora da mobilidade peonil na rúa Progreso, a compostaxe doméstica, o programa Deza Circular, a planta de tratamento de biorresiduos que se instalará en breve en Área 33, o cambio de luminarias a LED, ou outras iniciativas do tecido social coma o programa Trasdeza sen plástico, promovido pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda.
Ademais, Peón agradeceu a hospitalidade e a “gran acollida que sempre nos brindou Canejan” nun acto ao que asistiron representantes do municipio anfitrión, co seu alcalde Bernard Garrigou; de Poggio Mirteto (Italia), tamén irmandado con Silleda e de Nagykowacsi (Hungría), así coma os presidentes dos distintos comités de irmandamento. O programa de actos no que está a participar dende o luns 22 o grupo silledense, con membros do Comité para a Xestión de Proxectos Europeos de Silleda (Coxesi), que preside Belén Calvo, continuará ata este luns, día en que os grupos partirán ao seu lugar de orixe.
Comments