A poxa de xovencas frisoas superou en Magreco os 48.000 euros, cunha media de 3.432 por vaca
- Laura Moure
- 31 mar
- 3 Min. de lectura
Durante esta cita de Boimorto rendéronlle unha emotiva homenaxe á José Manuel Sebio, propietario de Agrobotica de Arzúa, finado o ano pasado
Laura Moure/Boimorto
Unha xovenca da gandería Castro Fernández, de Salmonte (Burres- Arzúa), a última que saíu á venda, foi o que espertou un maior interese entre os gandeiros presentes en Magreco e pola que se pagaron 5.000 euros. Durante a poxa o Concello de Boimorto rendeulle unha emotiva homenaxe á José Manuel Sebio, propietario de Agrobotica de Arzúa, finado o pasado ano, en recoñecemento ao apoio incondicional que sempre tivo con Magreco. A alcaldesa, María Jesús Novo, entregoulle unha placa e un ramo de flores a
viúva e á familia de José Manuel.
A poxa de xovencas volveu ser un dos eventos máis multitudinarios de Magreco, xuntando a máis de 1.500 persoas na carpa da feira multisectorial organizada polo Concello de Boimorto. No evento, que estivo presidido pola alcaldesa e a xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, vendéronse os 14 exemplares de raza frisoa por un montante total de 48.050 euros, cun prezo medio de 3.432 euros. Na poxa coordinada por Africor Coruña, o animal máis caro foi Clara Sugarhigh 400, o exemplar de 27 meses chegado dende Arzúa polo que se pagaron 5.000 euros, e, pola máis barata, pagáronse 3.000 euros.
Tamén as tres xovencas de raza rubia galega postas a venda por Acruga atoparon comprador onte en Magreco. Polas tres pagáronse 9.000 euros, con prezos que oscilaron entre os 2.500 e os 3.500 por exemplar.
Publicidade
Emotiva homenaxe a José Manuel de Agrobotica
O momento máis emotivo da xornada aconteceu unha vez rematada a poxa de Acruga. A alcaldesa, María Jesús Novo, dedicoulle unhas agarimosas palabras a José Manuel Sebio, propietario de Agrotica de Arzúa, “unha persoa que deixou unha pegada fonda en todos nós”, dixo en presenza da viúva, dos fillos e familiares do finado.
José Manuel Sebio foi “un home comprometido, traballador incansable cunha gran visión de futuro”, asegurou a alcaldesa. “Á fronte de Agrobotica de Arzúa, José Manuel foi moito máis que un empresario, foi un motor de innovación no sector, sempre buscando novas solucións e melloras para o noso traballo diario”, engadiu María Jesús Novo. Continuou afirmando que se algo definía a José Manuel Sebio “era a súa xenerosidade e implicación co tecido gandeiro e agrícola, poñendo sempre todo da súa parte para colaborar co desenvolvemento e crecemento da feira Magreco. A súa presenza aquí era sinónimo de esforzo, proximidade e bo facer”, asegurou María Jesús Novo, visiblemente emocionada e entre unha sonora ovación do público presente.

“A herdanza que nos deixa José Manuel Sebio e unha lección de compromiso, de traballo e de confianza no futuro e nós, como familia que somos, imos seguir o seu exemplo”, afirmou María Jesús Novo, antes de entregarlle unha placa conmemorativa e un ramo de flores a María Pérez, viúva de José Manuel Sebio, e aos seus fillos, Armando e Carmela. A grande ovación das persoas presentes deixou constancia do aprecio que todo o sector agrogandeiro aínda lle ten a José Manuel de Agrobotica, como era coñecido.
O remate da poxa, e entre todas as persoas presentes, o Concello sorteou un lote de produtos doados polos expositores do mercado de artesanía e de alimentación, 200 euros doados por Botica do Campo e unha hidrolimpiadora.
A exposición de maquinaria agrícola e forestal contou tamén este domingo coa visita de milleiros de persoas procedentes de diferentes puntos de Galicia. Varios dos expositores máis importantes presentes en Magreco informaron o sábado á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que Magreco é hoxe en día a feira de maquinaria agrícola de referencia en Galicia.
Para poder desfrutar da feira durante todo o día, había instalados diversos postos de comida, con tres polbeiras e foodtrucks con diferentes propostas, ademais de postos de alimentación variados.
A cativada puido gozar no obradoiro de elaboración de pan, cos tractores a pedais e cos
inchables gratis. O Concello de Boimorto agradece o apoio das entidades colaboradoras con Magreco, como a Consellería do Medio Rural, a Deputación da Coruña, Tractor Ocasión, Acruga ou Africor. A alcaldesa destacou a importancia do patrocinio de Abanca Agro “para que Magreco se siga consolidando como un referente para dinamizar e poñer en valor a importancia do noso rural”.
Comments