Está formada por opositores e traballadores públicos das especialidades de técnico en coidados auxiliares de enfermería, bombeiro forestal, bombeiro forestal condutor de motobomba, emisorista-vixiante, educadores e traballo social e o motivo é o retraso da resolución dos seus procesos selectivos convocados nese ano
Laura Moure/Xeral
A Plataforma de Afectados OPE 2019, conformada por opositores e traballadores públicos das especialidades de técnico en coidados auxiliares de enfermería, bombeiro forestal, bombeiro forestal condutor de motobomba, emisorista-vixiante, educadores e traballo social, manifestaranse en Santiago este mércores, 24 de maio, as 11:00 horas diante do Parlamento de Galicia "contra a inacción da Xunta de Galicia e o seu departamento de Función Pública na resolución dos seus procesos selectivos, convocados no ano 2019 e aínda sen rematar".
Dende a constituída Plataforma de Afectados OPE 2019, conformada polas especialidades de técnico en coidados auxiliares de enfermería, bombeiro forestal, bombeiro forestal condutor de motobomba, emisorista-vixiante, educadores e traballo social, sinalan que "consideramos inaceptable a situación que está a darse de falta de resolución dos procesos selectivos iniciados aló polo ano 2019".
"Tras máis de catro anos de espera, pode dicirse que aínda non existen prazos para unha resolución destes procesos, e mentres tanto máis de 740 persoas destas especialidades seguen esperando poder traballar canto antes. Tras dedicar anos da súa vida á preparación das oposicións e despois de superar todas as probas, conseguindo reflexar o mellor posible todo o seu esforzo, parece ser que agora ninguén ten interese por resolver. A situación segue a ser practicamente a mesma que meses atrás, ou si cabe peor, dado que os prazos e o tempo segue a correr, chegando a un momento no que estes procesos selectivos antigos están a solaparse cos novos das mesmas especialidades, sendo a preparación destes obrigada ao non ter unha praza garantida de forma oficial nos xa celebrados anteriormente".
Deste xeito, recalcan, "esta preparación obriga a paralizar a vida dun, pagar taxas e academias outra vez e dedicarse case en exclusiva de novo ao estudio. Algo que implica un esforzo totalmente inaceptable e que resulta fácil de evitar coa resolución duns procesos que xa van para cinco anos".
741 persoas afectadas
Sinalan que "741 persoas atópanse deste xeito pendentes de que alguén poña fin a estes procesos interminables, e detrás desas persoas atopamos tamén a 741 familias que viven como eles nunha absoluta incerteza. Moitas destas persoas está sen traballo e á espera na súa casa nunha situación verdadeiramente precaria, en traballos temporais agardando a resolución, ou simplemente preparando de novo unha oposición que xa ten aprobada, pero da que non ten os resultados pola deixadez da Xunta de Galicia
O desagregado por especialidades á espera de resolución é o seguinte:
- Categoría de auxiliares de enfermería: 305 prazas
- Categoría de Bombeiro Forestal: 114 prazas
- Categoría de Bombeiro Forestal Condutor de Motobomba: 80 prazas - Categoría de Emisorista-Vixilante: 75 prazas
- Categoría de Educadores: 86 prazas
- Categoría de Traballo Social: 81 prazas
"Esta situación afecta non só ás persoas que gañen finalmente unha das prazas en xogo, senón tamén a todo o sistema de listas de contratación temporal que rexen os chamamentos no emprego público de Galicia. Así, a falta de finalización destes procesos fai que a súa nota non sexa reflexada como mérito nestas listas, e dado que esta ten un gran peso no seu ordenamento, quen máis se esforzou na preparación das oposicións está case sen posibilidade de ser chamado pola inacción da Xunta de Galicia".
Esta Plataforma considera esta situación como límite, dado que o parón da administración no verán está próximo, e a clara falta de vontade para resolver estes procesos fai que todo se poida trasladar a outubro, finais de ano ou ó ano que ven. Así, ademais da concentración deste 24 de maio, esta Plataforma está a valorar a posibilidade de convocar concentracións semanais e acampar permanentemente en San Caetano en sinal de protesta.
"Existen intereses persoais en non rematar algúns procesos selectivos do ano 2019? Por que oposicións da Xunta de Galicia moito menos doadas de corrixir, como son por exemplo as relativas ó corpo de profesorado de Secundaria, se rematan en tres meses e nestas levamos case cinco anos?", pregúntanse. "Cremos que os colectivos profesionais afectados levamos meses e anos agardando unha resolución destes procesos, agardando un correcto funcionamento da Xunta de Galicia e o seu departamento de Función Pública, e a resolución debe darse XA. Os opositores xa cumpriron hai anos e a Xunta de Galicia debe cumprir XA", recalcan.
Comments