top of page

A Plataforma Cornado Mina Non: "A sombra de Trafigura planea sobre a mina de Touro"

"O accionista de referencia de Atalaya Mining en Riotinto acumula denuncias internacionais por contaminación, corrupción e actuar contra os dereitos humanos", asegura


Ecos da Comarca/Touro

A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non continúa coa súa loita e asegura que "Trafigura acumula denuncias internacionais por contaminaciónn, corrupción e por actuar contra os dereitos humanos". E critica que Venancio Salcines a defenda e que incluso diga que esta compañía busca a sostenibilidade.


COMUNICADO ÍNTEGRO DE CORNADO MINA NON

"Co respaldo público do conselleiro da mineira en Galicia, Venancio Salcines, ás actividades da compañía, o economista fai gala unha vez máis do seu absoluto descoñecemento dos danos causados polas grandes corporacións transnacionais no seu obxectivo de conseguir o máximo beneficio a calquera prezo.


Trafigura acumula denuncias internacionais por contaminación, corrupción e actuar contra os dereitos humanos e foi condeada por xustiza holandesa polo desastre ambiental ocasionado en Costa de Marfil no ano 2006. O feito de que José Venancio Salcines Cristal, tamén director xeral da universidade privada CESUGA e presidente do comité de marca de Pino de Galicia diga publicamente que Trafigura, como accionista de referencia de Atalaya Riotinto “solo sabe que las cosas hay que hacerlas bien” despois dos desastres orixinados por unha empresa que acumula denuncias internacionais por contaminación, corrupción e actuar contra os dereitos humanos é canto menos lamentable e demostra unha torpeza sen parangón nalguén que se xacta en público de ser contratado como “senior advisor” (“conselleiro senior”) da extractiva.


Quizais o “conselleiro” galego de Atalaya Mining descoñeza que o 19 de agosto de 2006 Trafigura foi a responsable dun dos maiores desastre medioambientais do presente século XXI, no que máis de 100.000 persoas necesitaron asistencia médica e ao menos 15 personas perderon a vida por unha vertedura incontrolada de residuos en Costa de Marfil. Por este motivo, os miles de afectados tiveron que ser atendidos con cadros clínicos de vómitos, diarreas, queimaduras e problemas respiratorios e moitos deles quedaron con graves secuelas permanentes. Ademais, un informe da ONU confirmou posteriormente a relación causa-efecto pese ás continuas evasivas da empresa.


Segundo relatan medios e entidades de máxima fiabilidade como a BBC británica ou a ONG Amnistía Internacional, Trafigura xerou os residuos ao utilizar sosa cáustica para “lavar” un derivado do petróleo altamente sulfuroso denominado “nafta de coker”. Unha vez lavada, o obxectivo de Trafigura era mezclar a nafta con gasolina a cambio duns beneficios duns 7 millóns de dólares estadounidenses por carga. A compañía intentou librarse do refugallo sen resultado ata en cinco países: Malta, Italia, Xibraltar, Paises Baixos e Nixeria.

Os seus intentos de desfacerse dos residuos en Ámsterdam deron lugar a un incidente de saúde pública, cando os residentes queixáronse do terrible cheirume e comenzaron a sufrir náuseas, mareos e fortes dores de cabeza. Sen embargo, Trafigura rexeitou a oferta dunha empresa de xestión de residuos que a cambio dunhs 620.000 dólares desfaríase deles de forma segura para as persoas e o medio ambiente.


En lugar diso, os residuos tóxicos foron finalmente vertidos de maneira ilegal en Costa de Marfil por unha empresa local contratada por Trafigura para que se librara deles por tan só 17.000 dólares, unha pequena fracción do que lle costaría unha xestión responsable dos mesmos, o que rematou por provocar un drama medioambiental e social sen precedentes na rexión.


Polémica tras polémica

Lonxe de pararse aí a de Trafigura é unha historia que ano tras ano vai alén de calquera polémica en distintos países. En Brasil, por exemplo, a Fiscalía abriu unha investigación penal en 2020 contra varios dos seus executivos acusándoos de sobornar a empregados da petroleiro estatal Petrobras, a semellanza do que que acontecera con Petroleos de Venezuela no país veciño. De igual maneira, Trafigura recibiu acusacións polo presunto pago de sobornos en Zambia a cambio do amaño de contratos públicos e en México por presunto contrabando de combustible, o que lle valeu este ano a suspensión do permiso para operar nesta zona de mesoamérica ao menos ata 2024.


Os "exemplos" de Venancio Salcines

Cos datos na man e unha vez explicados os feitos, a Plataforma veciñal Cornado Mina Non considera que tan irresponsable é a propia multinacional polos graves feitos cometidos como quen por seguidismo, interés comercial, ignorancia e prepotencia defende as súas manobras. Porque que o asesor pagado Venancio Salcines diga agora públicamente que compañías como Trafigura ou Atalaya Mining a través da súa filial Cobre San Rafael “buscan la perfección, la sostenibilidad y una relación más que óptima con la sociedad en la que conviven” é canto menos unha broma pesada convertida en falacia".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page